Telefonía móbil, fixa e internet encabezan o número de reclamacións do ano 2010 na Oficina de Consumo de Verín |
Mércores, 09 Febreiro 2011 10:34 |
A Oficina de Consumo de Verín (OMIC), dependente do Concello de Verín, pecha o ano 2010 coa tramitación de 517 expedientes. Deste total, 224 foron presentadas ao Instituto Galego de Consumo, 38 reclamacións de subministro eléctrico trasladadas á Consellería de Innovación e Industria, 94 resolvéronse por mediación chegando a unha resolución amistosa do conflito e 161 corresponderon a consultas.
O máis significativo é o descenso de consultas e reclamacións sobre as compañías eléctricas que, no ano 2009, sufriu un enorme incremento debido ao cambio de normativa. Con todo, ocupan o segundo lugar do ranking, sobre todo por discrepancias na cantidade a pagar e no período de facturación. Outros dos sectores nos que se produciron reclamacións foron: seguros (vivenda e accidentes), negativa a atender os sinistros e disconformidade coas valoracións efectuadas sobre os danos sufridos nos bens, gas, reparación de vehículos, academias, electrodomésticos, transporte terrestre, produtos informáticos e correos. Os sectores que recibiron menos número de consultas e queixas foron: vivenda, mobles, roupa, xoias, alimentación, gasolineiras, animais, clínicas dentais, calzados e axencias de viaxes. |