Festa dos Maios |
Luns, 26 Abril 2010 11:12 |
A praza da Alameda acollerá o sábado día 1 a Festa dos Maios, desde as 11.30 ás 14 horas. Esculturas feitas con elementos naturais, música tradicional, xogos populares, comida de romaría e reparto gratuíto das coplas do Certame Enrique Gómez Pato, ambientarán esta manifestación cultural. Está prevista a participación na Concentración de Maios Enrique Gómez Pato, dos CEIP Amaro Refojo e Princesa de España, das asociacións culturais “Verinense de Amigos da Música”, “Sons do Mestremiro” e “Chavorrí”, e do Verín C. F. No apartado de xogos populares, celebraranse o Trofeo de Chave Ricardo Soto e o Trofeo de Petanca Festa dos Maios, nos que se espera a participación de xogadores de Verín e de Oímbra. Unha polbeira instalará unha carpa na Praza da Alameda. Os consumidores pagarán, como en anos anteriores, exclusivamente as racións de polbo. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei colabora ofrecendo o viño que se sirva, Aguas de Sousas serve gratuitamente a auga e o Concello de Verín faise cargo dos gastos do pan. No que á animación musical se refire, cóntase coas actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín, que desfilará polas avenidas de Portugal e Luis Espada, praza e rúa da Mercede, rúa da Cruz e praza García Barbón, antes de ofrecer un concerto na praza da Alameda. A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Goméz Pato a mediados da década dos cincuenta. Desde entón, “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta expresión de cultura tradicional. Con eles Verín seguiu cantándolle á primavera e facendo crítica dos acontecementos locais ou externos con rima de copla. No primeiro quinquenio dos oitenta, con José Ramón González Sola “Fanfán” como concelleiro de festexos, a festa recibiu un impulso por parte da institución municipal, con actividades paralelas, aliciente gastronómico e subvencións á creación de maios e impresión gratuíta das coplas aos colectivos que non pretendan a venda. Nesa liña de festa aberta á participación activa de asociacións e centros de ensino, mantívose nas últimas décadas. |