Pleno extraordinario |
Martes, 20 Abril 2010 16:35 |
O Salón de Plenos do Concello de Verín acolleu esta mañá unha sesión extraordinaria na que se abordaron os seguintes puntos: 1. - Aprobación, se procede, do borrador da acta de sesión ordinaria de data 08.03.2010 (Acta nº 2/2010). 2. – Dar conta da renuncia como concelleira de Mercedes Dos Santos Gómez. 3. – Aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal. No inicio desta sesión plenaria aprobouse, por unanimidade, o borrador da acta da sesión anterior e deuse conta da renuncia como concelleira polo PSdeG-PSOE de Mercedes Dos Santos Gómez. A continuación procedeuse a analizar a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, na que nun primeiro momento interveu o rexedor de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, co fin de realizar un resumo propositivo do PXOM afirmando que “é unha proposta de futuro asumible e sostible para Verín, que resolverá os principais problemas detectados, e impulsará a realización de significativas actuacións estratéxicas nos seguintes eidos: Estratexia de desenvolvemento axeitado do plan, Mobilidade e redes viarias, Servizos urbanísticos, Políticas e estratexias de solo empresarial e industrial, Recursos turísticos, Protección do patrimonio, Necesidades dotacionais, Mercado de solo e vivenda, Convenios urbanísticos para materializar importantes acordos e cesións, e Avaliación Ambiental Estratéxica (ISA)”. Para chegar a definir e xustificar o modelo de ordenación proposto para Verín, segundo indicou o rexedor, faise preciso resaltar, cunha perspectiva territorial ampla, aspectos fundamentais que inflúen directamente na definición dese modelo e que son: o papel clave que esta cidade do interior de Galicia ten dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -sendo unha peza fundamental para a definición do que se podería chamar o “Eixo Atlántico interior”, reforzado coa autovía A-24 portuguesa (Viseu/Chaves), o que converterá a Verín nun centro de comunicacións fundamental dentro da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal-. a importancia que debe desenvolver Verín dentro do proxecto de Eurocidade Verín-Chaves; o papel da cidade como capital comarcal -sendo un centro de servizos para unha poboación aproximada de 29.000 persoas, constituíndo o 8,46% da poboación total da provincia de Ourense e sendo o concello coa poboación máis nova da comarca-, e as políticas postas en marcha actualmente pola Xunta (IGVS), en materia produtiva, coa implantación no concello do parque empresarial de Tamagos, así coma a ampliación do actual parque empresarial de Pazos, actuacións que permitirán a creación de emprego e que polo tanto servirán para a fixación de poboación no concello. Polo tanto, o novo PXOM concíbese como a definición do modelo territorial compacto, articulado en torno as seguintes estratexias de actuación: mobilidade -enlace da A-52 coa A-24 portuguesa, creación dunha circunvalación sur e a Ronda interior. Así como a relocalización da estación de autobuses, con motivo de apostar polo transporte público, sistema de aparcadoiros como elemento esencial para incidir na regulación do tráfico e así desconxestionar a área central da cidade; e creación dunha rede integrada de bicicarrís que permita articular a cidade e o seu contorno inmediato e que conecte os parques públicos e os principias sistemas ambientais (sen esquecer a recuperación paisaxística e ambiental do Támega, establecendo un corredor ambiental, eco-pista, nas súas marxes, para establecer un bicicarril en sentido lonxitudinal ao val de Monterrei, que uniría as cidades de Verín e Chaves.)-, infraestruturas -abastecemento, saneamento e mellora na integración urbana das infraestruturas eléctricas-, sistemas de espazos libres -asentado en catro elementos fundamentais que conforman a paisaxe do municipio: corredores ecolóxicos, monte urbanos, montes forestais e corredores verdes-, actividades dinamizadoras -consolidar a capitalidade comarcal, localizar novas actividades terciarias, produtivas ou mesmo educativas, constituír novas centralidades e finalmente descubrir oportunidades para o posible crecemento urbano. Todo isto articulado a partir de actuacións de carácter produtivo (delimitación dun novo parque empresarial de Tamagos e ampliación do parque empresarial de Pazos, ambos definidos dende a Xunta de Galicia polo Instituto galego de vivenda e solo, así como tamén actuacións propostas dende o proxecto de Eurocidade Verín-Chaves como son a creación dunha unidade de apoio ao empresariado, impulso conxunto cara á dinamización do comercio tradicional, creación do centro de investigación turístico-termal, co aproveitamento do nicho de mercado creado pola carencia de man de obra cualificada e en cantidade suficiente para os futuros proxectos turísticos de Galicia e o norte de Portugal), turístico (recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e revalorización do Balneario de Caldeliñas) e educativo (proxecto empresarial privado para a creación dun campus, establecemento no concello de estudos superiores da UNED, ampliación da oferta formativa na escola de idiomas, ampliación da oferta formativa de formación profesional e o apoio do concello para a iniciativa do Instituto Libre de Ensinanza). “Todas estas actuacións estratéxicas, foron tidas en conta para a definición do modelo e dimensionado do novo PXOM, actuacións que dinamizarán ao concello provocando fluxos turísticos, de estudantes, de traballadores, profesores e investigadores, e que definirán a Verín como un referente nos eidos educativo, turístico e produtivo a nivel rexional”, puntualizou Jiménez Morán. No ámbito ambiental, o PXOM debe establecer a protección dos corredores ecolóxicos -Gran corredor dos ríos Támega, Ábedes e Feces-, a consecución de corredores verdes -San Lázaro, verde Interior, casco histórico, do Marbana e dos Balnearios- e a xestión de montes urbanos -próximos ao municipio, que terán que cumprir a función de grandes parques naturais da súa área funcional e servir coma reserva natural de futuro-; e o mesmo tamén avalía a ordenación do territorio en torno ao termalismo -balnearios de Cabreiroá, Caldeliñas, Sousas e Fontenova-. Mentres que no apartado de sistemas xerais de espazos libres propostos, alcanza a superficie de 443.116 metros cadrados, e o sistema xeral de equipamentos comunitarios ascende a 200.990 metros cadrados. Respecto ao dimensionado do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o alcalde de Verín indicou que as previsións de solo para actividades económicas e solo industrial no mesmo sitúanse en 1.465.272 metros cuadrados, e as de vivenda “establécense ata case 7.700 novas vivendas, que é unha proporción moi razoable para a demanda esperada e para preservar a marxe razoable de esgotamento, nas seguintes categorías: solo urbano consolidado -2.513 vivendas-, solo urbano non consolidado -2.160-, solo núcleo rural -862-, solo urbanizable delimitado -1.992- e solo urbanizable non delimitado -105 vivendas-“. No ámbito da vivenda de protección, “en solo urbano non consolidado a reserva deste modelo de vivenda é de 32,62%, no urbanizable delimitado de 44,25%, e no urbanizable non delimitado de 40%”, puntualizou Jiménez Morán. Con todo, o rexedor subliñou a importancia que leva tido a participación pública na elaboración deste PXOM, onde “unha vez rematados os traballos desta primeira fase o equipo fixo entrega no Concello da documentación integrante do Avance de Planeamento, durante o goberno do tripartito, que foi ratificada polo Concello e posta a información pública”. “A participación pública no proceso de información do Avance foi salientable, e tense traducido á cantidade proporcional de suxestións, un total de 771, das que se aceptaron o 47%”. Ademais, Juan Manuel Jiménez Morán recordou que “o documento para Aprobación Inicial, unha vez adaptado ao Informe Previo da CPTOPT (febreiro de 2009), tense empezado un proceso de concertación cos axentes e propietarios que formularon propostas de certo calado e interese xa dende a fase de Avance, e incluso despois, para acadar os acordos e convenios que van a permitir materializar con celeridade as propostas principais en significativas actuacións estratéxicas en diferentes eidos”. Finalmente se concertaron oito ámbitos de planeamento mediante convenio, e incorporando ao PXOM as súas Ordenacións Detalladas, nos seguintes lugares: - Na zona do balneario de Fontenova, onde o Concello ten deseñado unha proposta de ordenación detallada, para o desenvolvemento dun Sector de solo urbanizable, e que ten por obxecto a consecución, por unha parte dos terreos para o futuro Auditorio municipal, e por outra, dun tramo da ronda interior e amplas zonas verdes e dotacionais. - Existe outro ámbito estratéxico concertado mediante convenio coa parte maioritaria da propiedade, cara a consecución dos terreos para o Centro de investigación e formación turístico-termal, enmarcada dentro do proxecto de Eurocidade Verín-Chaves, na zona de Cabreiroá. Neste convenio tamén se ten concertado tanto a rehabilitación e ampliación da actividade termal e hostaleira do antigo hotel-balneario de Cabreiroá, como a consolidación da actividade vinculada a comercialización das famosas augas minerais de Cabreiroá, unha parcela para a construción do Hotel-Escuela-Spa e amplias zonas verdes. - Cara á consecución de boa parte do corredor do Marban, se ten concretado unha proposta da propiedade, coa definición de dous ámbitos de planeamento concertados mediante convenio, na zona da Fonte do Sapo e de A Moleriña -varios tramos do corredor do Marban de conexión coa Fonte do Sapo-. - Na zona entre o Mercado e Cabreiroá existe unha oferta da propiedade para concertar un ámbito mediante convenio, enmarcado nun Sector de solo urbanizable, o Camiño de San Antón, cara á consecución dun tramo do corredor dos balnearios e zonas dotacionais para o Concello. - Na zona da Estrada de Castela, e a proposta da propiedade, se teñen concertado mediante convenio outros dous ámbitos, de cara ao seu desenvolvemento, e para o engarce urbanístico da ubicación do xeriátrico en tramitación na zona de San Roque. - Na zona central da vila, preto do Concello, e a proposta da parte maioritaria da propiedade, se ten concertado mediante convenio outro ámbito, de cara ao seu desenvolvemento, e, cara a consecución dunha continuidade da rúa Laureano Peláez cara ao sur, como viario estructurante nesa parte da vila. Polo tanto, o resultado destes convenios permite alcanzar 33.949 metros cadrados de Sistema Local de Espazos Libres, 15.866 m2 de Sistema Local de Equipamentos, 20.098 metros cadrados de Sistema Xeral de Equipamentos e 60.855 m2 de Sistema Xeral de Espazos Libres. Para finalizar a súa primeira intervención, o rexedor indicou que “o valor teórico total do solo que obterá o concello pola materialización da cesión do 10% do aproveitamento que ao concello corresponde por mandado de lei nos ámbitos de desenvolvemento, acada un importe de 21,639 millóns €, polo que o 50% deste, é dicir 10,82 millóns € é valor que o pode adicar o concello ao financiamento de inversións en sistemas”. A continuación interviñeron os portavoces dos diferentes grupos políticos da corporación. Nun primeiro momento tomou a palabra Emilio González Afonso, do PSdeG-PSOE, para indicar que se trata dun plan que “compartimos na súa gran maioría”, pero que se desde o seu grupo absteríanse na votación deste punto, debido á amplitude da documentación e modificacións en cuestións de clasificación de solo, “xa que é necesario analizalo de modo pormenorizado co equipo redactor e na comisión de seguimento”. Ademais, engadiu que “queren que este plan sexa aprobado por consenso, porque é fundamental para o desenvolvemento de Verín”. Con posterioridade, interviu Perfecta Losada Sotelo, portavoz do BNG, que compartiu argumentos co PSdeG-PSOE e decidiu absterse, “xa que queremos votar con coñecemento e responsabilidade dun novo plan moi completo en todos os seus aspectos”, aínda que “somos conscientes da importancia da aprobación inicial do novo PXOM antes da entrada en vigor da nova Lei do Solo”. No caso do portavoz de ADEI-O, Alberto Prieto Prieto, durante a súa intervención subliñou “a importancia de realizar un exercicio de confianza, xa que se na realización deste plan interviñeron todas as forzas políticas, o anterior goberno tripartito e o actual, do Partido Popular”, e engadiu que “é un documento bo, que previsiblemente se mellorará no período de alegacións, e que é moi necesario para Verín”. Ademais, argumentou que o seu voto “sería a favor, sempre que se comprometa o alcalde, como xa indicou, á realización de novos convenios urbanísticos nos mesmo termos que os que se fixeron ata agora”. Para finalizar, tomou a palabra o rexedor municipal para recordar “que este é un plan de todos, iniciado polo anterior grupo de goberno e finalizado por nós, xa que o urbanismo é unha responsabilidade colectiva, e debemos aprobar este novo plan por consenso como aconteceu no caso do Plan Especial do Barrio de San Lázaro e Casco Antigo de Verín”. “O urbanismo é unha función pública ao servizo dos intereses colectivos, e creo que como se expuxo este plan defendemos os intereses colectivo de todos os verinensse que puxeron a súa confianza nos diferentes representantes municipais”. Por outra banda, indicou que a ralentización nesta aprobación inicial non foi debida a labor do grupo de goberno, xa que “se presentou nun primeiro momento unha normativa transitoria, tal e como nos indicou o anterior goberno da Xunta de Galicia, e logo non a admitiron”. Por este motivo, “puxémonos a traballar no novo plan, que foi presentado na anterior Dirección Xeral o 24 de xuño de 2008, e non tivemos resposta ata febreiro de 2009, cando a lei establece tres meses para esta cuestión”. E tras o cambio de goberno autonómico “tivemos que renegociar de novo o mesmo, co fin de concretar puntos beneficiosos para este municipio, sempre adaptándose a lexislación vixente”. A continuación procedeuse a votación deste punto, que se aprobou cos votos a favor do Partido Popular e ADEI-O, e abstención das restantes formacións políticas. Tras esta sesión, abrirase un período de información pública durante dous meses, mediante anuncio no taboleiro de edictos do concello, no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais provinciais. Durante devandito período quedará o expediente a disposición de calquera que queira examinalo para que se presenten as alegacións que se estimen oportunas. “Tamén se colgará a información na páxina web do concello e poderanse efectuar as alegacións a través da oficina virtual”, indicou o rexedor. De acordo co disposto no artigo 77 da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas variacións derivadas das leis que o modifican, suspéndese o outorgamento de licenzas naquelas zonas do territorio onde o Plan Xeral de Ordenación que se tramita conteña determinacións diferentes ás contidas na ordenación urbanística vixente. As zonas concretas son as seguintes: todas as afectadas por sistemas xerais ou locais de viario, infraestruturas ou espazos libres en calquera clase de solo -agás naquelas zonas nas que as licenzas que se solicitan sirvan para a súa propia execución-, no solo urbano non consolidado -suspenderanse en todos os casos-, no solo urbano consolidado e nos núcleos rurais -suspenderanse só naquelas zonas en que non se poidan cumprir ambas ordenacións simultaneamente-, en todos ámbitos de solo urbanizable establecidos en calquera dos dous documentos, elementos do catálogo contemplados no presente PXCOM, no solo rústico -no caso das licenzas nas que se require da autorización previa da CMATI, só se suspenderán licenzas no caso de zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de viario; e nas que non se requira devandita autorización, só se suspenderá nas que non se poidan cumprir ambas normativas simultáneamente-. Ao respecto da tramitación de plans de desenvolvemento nos ámbitos de planeamento remitidos a eles, poderase continuar a tramitación dos xa iniciados, sempre e cando o PXOM non estableza modificacións neses ámbitos, e poderase incluso iniciar a tramitación de novos ámbitos, sempre que a delimitación e as determinacións sexan sensiblemente similares entre ambos plans. A duración desta suspensión, que se publicará conxuntamente coa aprobación inicial, será de dous anos ou até a aprobación definitiva do plan, se fose inferior. Ademais, acordouse dar audiencia aos municipios limítrofes e solicitar ás administracións públicas competentes os preceptivos informes sectoriais. |