Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Verín acollerá a I Feira de Orientación Profesional para estudantes de secundaria
Verín acollerá a I Feira de Orientación Profesional para estudantes de secundaria PDF Imprimir Correo-e
Martes, 11 Febreiro 2025 14:50

Verín acollerá o próximo 13 de febreiro a I Feira de Orientación Profesional, unha iniciativa novidosa organizada grazas á colaboración entre os Departamentos de Orientación dos tres centros públicos de secundaria da vila (IES Castro de Baronceli, IES Xesús Taboada Chivite e IES García Barbón) e a Dinamizadora da Relación con Empresas na FP do IES García Barbón. O evento desenvolverase no Auditorio de Verín en horario de mañá e está dirixido ao alumnado de 4º de ESO, 2º de FPB, Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría e 2º de Bacharelato dos centros organizadores; ademais de estudantes de 4º de ESO dos centros concertados CPR María Inmaculada e CPR Mercedarios.


Hoxe tivo lugar a presentación oficial desta iniciativa na Casa Consistorial de Verín, onde estiveron presentes Maite González, Dinamizadora da Relación con Empresas na FP do IES García Barbón; Paloma Conde-Corbal, orientadora do IES Castro de Baronceli; Lucía López, orientadora do IES Xesús Taboada Chivite; Daniel Veiga, orientador do IES García Barbón; e Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Festexos e Turismo.

A feira nace coa vocación de proporcionar ao alumnado información de primeira man sobre as diferentes opcións formativas e laborais dispoñibles. Nun momento crucial para a toma de decisións sobre o seu futuro, os estudantes terán a oportunidade de explorar camiños formativos como a Formación Profesional, ensinanzas de réxime especial, as forzas armadas ou oposicións. Ademais, poderán acceder a información sobre recursos como o Centro Residencial de Ourense, as actividades da Cruz Vermella de Verín, o CIM da Mancomunidade e o Centro de Información Xuvenil.

A inauguración institucional correrá a cargo da Directora Xeral de Formación Profesional, Dona María Eugenia Pérez Fernández, quen dará a benvida aos asistentes ás 9:30 horas.

Un programa pensado para o alumnado

A partir das 9:45 horas, varios estudantes compartirán as súa experiencias formativas e laborais, explicando as razóns que os levaron a optar pola Formación Profesional. Entre os participantes estarán: Isabel Morales Herrero (Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría); Diego Fernández Núñez (Ciclo Medio de Aceites de Oliva e Viños - Dual); Alejandro Justo Rodríguez e Mikel David Saldaña Cevallos (Ciclo Superior de Administración e Finanzas) e Bieito Barreira Barreira, emprendedor no rural.

A segunda sesión, que terá lugar ás 11:00 horas, contará coa participación de profesionais dos Centros Integrados de Formación Profesional de Ourense (Portovello, A Carballeira, A Farixa e Vilamarín), que exporán a súa oferta formativa e as saídas académicas e laborais das distintas ensinanzas que imparten.

Na terceira e última charla informativa, o Director da Oficina do Servizo Público de Emprego de Verín abordará a situación do mercado laboral na comarca e achegará consellos para afrontar con éxito a búsqueda de emprego.

A concelleira de Cultura, Festexos e Turismo, Samanta Barreira, destacou a importancia desta feira como "unha oportunidade única para que o noso estudantado coñeza de primeira man todas as posibilidades que ten ao seu alcance". Ademais, subliñou que "desde o Concello de Verín seguimos apoiando este tipo de iniciativas que fomentan a información, a formación e a empregabilidade da nosa mocidade".

Espazo de participación e interacción

Ademais das charlas, os asistentes poderán visitar distintos stands informativos onde obterán información detallada sobre as alternativas formativas e saídas laborais, ademais de presenciar demostracións prácticas. A I Feira de Orientación Profesional aposta pola participación activa do estudantado, promovendo un espazo de convivencia e aprendizaxe.

O evento conta co apoio do Concello de Verín e Augas de Cabreiroá, ademais da colaboración desinteresada dos relatores, profesionais dos centros integrados e orientadores laborais. A organización agradece a implicación de todas as persoas que fan posible esta iniciativa, así como a asistencia do profesorado e estudantado que participará nesta primeira edición da feira.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>