Verín prepárase para a Feira de Nadal 2024 con máis dunha trintena de expositores, actividades variadas e música para todos os públicos |
Venres, 22 Novembro 2024 16:38 |
O Concello de Verín celebrará a súa tradicional Feira de Nadal os días 6, 7 e 8 de decembro na Praza García Barbón, cunha ampla programación que incluirá 33 expositores de artesanía e alimentación, actividades infantís e animación musical para crear o ambiente perfecto destas festas. O evento foi presentado polos concelleiros Manuel Lorenzo Feijóo, responsable de Transportes, Feiras e Hostalería, e Samanta Barreira, encargada de Turismo, Cultura e Festexos e Conservatorio. Os visitantes poderán gozar dunha variada selección de produtos de artesanía e alimentación ofrecidos polos 33 expositores confirmados, que inclúen: 7 Mestres artesáns con recoñecida experiencia, 19 postos de artesanía e talleres, expositores de produtos de alimentación, así como a participación de asociacións locais e colexios, que estarán presentes con stands solidarios e educativos. Desde o punto de vista da procedencia dos seus participantes, a Feira de Nadal de Verín será este ano un reflexo de riqueza e diversidade, con 13 expositores locais de Verín e 6 da comarca, que se complementan coa participación doutros recunchos de Ourense (5), distintas zonas de Galicia (6), e incluso expositores internacionais de Chaves (Portugal) e Castela e León, convertendo o evento nun auténtico crisol de tradicións e sabores.
Un programa para gozar en familia Venres 6 de decembro: obradoiro de Doces de Nadal, onde a cativada poderá crear galletas con formas temáticas Sábado 7 de decembro: desfrutaremos dunha tarde máxica con Papá Noel, quen estará dispoñible para recoller cartas e sacarse fotos. Ademais, organizaranse talleres para redactar e decorar cartas e manualidades con materiais reciclados. Domingo 8 de decembro: gozaremos dun amena xornada con obradoiros como "O boneco de neve váiselle a pinza" e a creación de postais viaxeiras. A animación musical será un dos grandes atractivos da Feira de Nadal de Verín, con actuacións en directo que acompañarán a programación ao longo da fin de semana: o sábado 7 de decembro, ás 12:00 horas, a Coral de Verín (Amigos da Música( ofrecerá unha actuación especial; e o domingo 8 de decembro, tamén ás 12:00 horas, o espectáculo musical familiar “Aldeas de Nadal” da compañía de Nelson Quinteiro poñerá o broche musical a esta edición. Como de costume, o evento rematará cunha entrega de premios ao mellor stand da feira e un sorteo dunha Cesta de Nadal con produtos dos expositores, que terá lugar o domingo 8 de decembro, ás 19:45 horas, antes do peche do recinto feiral.
A Feira de Nadal de Verín convértese un ano máis nunha cita imprescindible para todos aqueles que desexen mergullarse no espírito do Nadal, combinando tradición, diversión e oportunidades para atopar agasallos únicos. Lista de stands participantes
|