Pleno extraordinario – 15 de novembro |
Venres, 15 Novembro 2024 13:55 |
Tras aprobar a acta da anterior sesión, o alcalde en funcións, Diego Lourenzo Moura, someteu a votación a modificación de Créditos 13/2024. Ante a existencia de necesidades financeiras en áreas específicas que non poden ser adiadas ao seguinte exercicio, a modificación aprobouse con 11 votos a favor (6 PSdeG-PSOE e 5 BNG) e 3 votos en contra do Partido Popular- mediante un suplemento financiado a través de baixas en partidas orzamentarias que non se utilizarán na súa totalidade en 2024. Por outra banda, o Concello de Verín someteu a votación a modificación da concesión de augas do río Támega para garantir o abastecemento nas localidades de Vilamaior e A Rasela. Esta solicitude responde á necesidade de asegurar o subministro a estas áreas, dadas as limitacións de recursos hídricos documentados nestes núcleos. Este punto quedou aprobado por unanimidade. Por último, a sesión plenaria ratificou con 11 votos a favor (6 PSdeG-PSOE e 5 BNG) e 3 votos en contra do Partido Popular, a modificación da base 40.4 de subvencións nominativas e xerais para 2024. Estas aportacións municiapis cubren a diversas entidades e asociacións locais, fomentando o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e sociais no municipio?. |