Verín acolle a IV edición da Festa da Cervexa |
Venres, 04 Outubro 2024 12:58 |
Os vindeiros días 11 e 12 de outubro, o Concello celebrará a IV edición da Festa da Cervexa de Verín. Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis dunha vintena de variedades de cervexas nacionais e de importación, e que se complementará con varios stands que ofertarán una variada selección gastronómica, actuacións musicais de primeiro nivel e animación infantil. Así o confirmaron esta mañá Manuel Lorenzo Feijoó, concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude e Samanta Barreira Vivián, concelleira de Cultura, Festexos, Turismo e Conservatorio. O evento terá lugar na zona verde da Preguiza e contará, como xa é habitual, cunha carpa na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. O horario da feira será: o venres de 19.00 a 02.00 horas; e o sábado de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 02.00 horas. Segundo explicou Manuel Lorenzo Feijóo, concelleiro responsable da área de Feiras, serán máis dunha vintena as variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, as que se poderán degustar nas casetas da festa. «Este ano contaremos cunha ampla zona de expositores que incluirá tanto as marcas cervexeiras máis recoñecidas a nivel nacional como unha coidada selección dos mellores produtos de importación dispoñibles no mercado actúal», destacou Lorenzo. «Respecto á oferta gastronómica», continuou Lorenzo, «habilitaranse un total de 10 postos de comida, dúas foodtrucks e unha churraría, onde os asistentes poderán degustar unha ampla variedade de produtos, desde salchichas e chourizos ata hamburguesas, churrasco, empanadiñas, croquetas caseiras, polbo, empanadas, pan artesán, hot dogs, pizzas, crepes e tortas, entre outros» Por outra banda, os máis pequenos da casa contarán con divertidos inchables instalados no exterior da carpa da Preguiza durante as dúas xornadas da feira. «Ademais», destacou a concelleira de Festexos, Samanta Barreira, «a cita cervexeira contará con animación musical en directo no interior da carpa». Este venres, 11 de outubro, chega a revolución en feminino a Verín! The Tetas Van, un grupo maioritariamente feminino, está preparado para encher o escenario cunha actuación única que combina diversión, reivindicación e música. Especializadas en versións, The Tetas Van non só buscan entreter, senón tamén loitar contra as inxustizas que afectan a todas, empregando a nosa querida lingua galega. Co apoio de poetisas que nos agasallan as súas verbas, o grupo dá voz a todos aqueles que queiran compartir os seus poemas, textos ou melodías. Detrás destas artistas e malabaristas atopamos nais, irmás, profes e amigas que, sen deixar de lado as súas múltiples facetas, buscan na música un camiño cara á felicidade e o goce. Únete a esta experiencia musical única, que promete encher Verín de enerxía, reivindicación e moita diversión. Xa o sábado 12 outubro, prepárate para vivir unha noite chea de enerxía e boas vibracións co directo fresco e elegante de Gin Toni's! Esta banda divertida, apaixonada e elegante consegue cada noite unha conexión incrible co público dos seus concertos. Nesta xira, farannos viaxar polas mellores versións de clásicos do Pop Rock español, desde os anos 80 ata a actualidade, con temas de artistas como Seguridad Social, Rebeldes, Revolver, El Último de la Fila, Fito y Fitipaldis, Radio Futura, Loquillo, Los Rodríguez, Barricada, M-Clan, Los Refrescos, Los Secretos, La Unión, Joaquín Sabina, Siniestro Total, Rosendo, La Frontera, Coque Malla, Jarabe de Palo, Hombres G, Alaska, Miguel Bosé, Los Suaves Tequila. Con un repertorio repleto de cancións coñecidas e unha posta en escena elegante, Gin Toni's transportaranche ás Décadas Douradas da música española, engadindo un toque especial ao teu evento cun tributo que non esquecerás.
|