Verín impulsa un novo curso de Internet e telefonía móbil para maiores |
Venres, 13 Setembro 2024 12:37 |
Por segundo ano consecutivo, o Concello de Verín, a través do proxecto "Cara a conquista do Benestar" dentro do programa Voluntariado Sénior, dependente da área de Benestar Social, pon en marcha un curso de formación en Internet e telefonía móbil dirixido ás persoas maiores da localidade. O obxectivo desta iniciativa é seguir traballando na redución da brecha dixital xeracional e acompañar ás persoas maiores na superación das limitacións que poden supor a desaparición de servizos presenciais. Grazas a este curso, búscase que os maiores de Verín poidan aprender a utilizar de forma autónoma e segura os seus dispositivos móbiles, como smartphones ou tablets, e así acceder á información, socializar a través de novas plataformas e resolver xestións administrativas, financeiras e de saúde que lles melloren a calidade de vida. Contidos do curso: - Acceso a Internet e uso de aplicacións (navegadores, redes sociais, xogos, aplicacións para maiores, etc.). - Accións básicas como facer chamadas, gardar contactos, enviar mensaxes, sacar fotos e gravar vídeos. - Coñecemento básico do funcionamento dos smartphones (acendido, apagado, volume, etc.). A metodoloxía será eminentemente práctica, baixo o formato “trae o teu propio dispositivo”, para que cada participante poida aprender directamente co seu propio móbil ou tablet, facilitando así a súa aprendizaxe no manexo diario. Colaboración coa Garda Civil de Verín Como complemento á formación tecnolóxica, a Garda Civil de Verín impartirá unha serie de charlas informativas para concienciar ás persoas maiores sobre os riscos da dixitalización e a seguridade en Internet. Estas charlas cubrirán os seguintes temas: - Medidas de prevención ante delitos informáticos. - Identidade dixital e protección de datos. - Contexto e fundamentos da seguridade en dispositivos e comunicacións. Ademais, tendo en conta o auxe da banca dixital, abordarase a seguridade nas operacións bancarias en liña, axudando aos maiores a coñecer as medidas necesarias para evitar fraudes e estafas. Nesta parte, farase fincapé na prevención de tiróns, roubos e outras ameazas no entorno das entidades financeiras e nos domicilios. Inscricións: As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Oficina Municipal de Información ao Consumidor, situada na primeira planta da Casa da Xuventude, ou chamando ao teléfono 988 414 776. O prazo de inscrición estará aberto a partir do luns 16 de setembro, e o curso dará comezo o martes 1 de outubro. Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Concello de Verín por mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas maiores, promovendo a súa inclusión dixital e garantindo o seu acceso seguro ás novas tecnoloxías. |