Pleno extraordinario – 10 de xuño |
![]() |
![]() |
![]() |
Mércores, 10 Xullo 2024 15:42 |
Tras aprobar por unanimidade a acta da anterior sesión o presidente, Gerardo Seoane, someteu votación a aprobación definitiva do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de ronda interior (Tramo 6º) e Parque do Támega-Preguiza que, tras recibir todos os informes favorables necesarios por parte das diferentes administracións, foi ratificado por 12 votos a favor (7 PSdeG-PSOE e 5 BNG) e 4 abstencións do Partido Popular. Por outra banda, aprobouse por unanimidade facer efectivo un convenio marco entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e o Concello de Verín. Este acordo establece que a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia asumirá a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para as diferentes categorías dos corpos de policía local e as prazas de auxiliares de policía local en Verín. O mesmo busca facilitar e unificar as tramitacións, garantindo unha xestión eficiente e coordinada entre ambas entidades, e asegura que a Xunta se encargue de todos os aspectos administrativos e organizativos necesarios. Por unanimidade foi ratificado tamén un Plan de Medidas Antifraude destinado a reforzar a integridade e transparencia na xestión dos recursos públicos do Concello de Verín. Este plan inclúe a implementación de mecanismos de control e supervisión máis rigorosos, a promoción da formación e concienciación do persoal en materia de prevención de fraudes, e a creación de canles seguras para a denuncia de prácticas indebidas. Isto suporá unha mellora considerable na organización interna, reforzando a confianza cidadá nas institucións locais, a protección dos fondos públicos e a garantía dunha xestión máis eficiente e ética dos recursos municipais. Acordouse tamén, por 12 votos (7 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 abstencións do Partido Popular, aprobar o recoñecemento extraxudicial de créditos, n.º 03/2024, por importe de 1.141.109,59 euros das facturas detalladas no mesmo do ano 2022, así como levantar o reparo de intervención das mesmas, recoñecendo as obrigas de pagamento correspondentes para a inclusión dos gastos no orzamento xeral do ano 2024. Na sesión plenaria, tamén se aprobou (por 12 votos [7 PSdeG-PSOE e 5 BNG] a favor e 4 votos en contra do Partido Popular) unha modificación de créditos extraordinaria. Este reaxuste é necesario para cubrir gastos urxentes que non se poden atrasar ata o próximo ano fiscal. A mesma estará destinada, entre outros asuntos, á adquisición de terreos necesarios para a finalización das zonas verdes de A Preguiza, Fontenova e da Igrexa Parroquial. Esta actualización permitirá ao Concello avanzar en proxectos prioritarios sen demoras, garantindo o benestar e mellora das infraestruturas locais. É importante sinalar que esta variación orzamentaria está financiada con cargo a novos ingresos que se integran no orzamento 2024 correspondentes ao cobro das correspondentes taxas e cánones municipais, convenios xa asinados coa Comunidade Autónoma e transferencias da Deputación Provincial de Ourense e FEDER; así como con baixas en outras partidas orzamentarias. Por último, someteuse a votación a aprobación do convenio anual coa Asociación Vía XIV para a realización da IX Edición do Festival Internacional de Curtametraxes, outorgando unha cooperación financeira municipal por importe de 40.000 euros. Foi aprobado por 12 votos (7 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 abstencións do Partido Popular
|