Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Arte e sostibilidade únense en Verín a través dun novo mural do artista valenciano Noé Peiró
Arte e sostibilidade únense en Verín a través dun novo mural do artista valenciano Noé Peiró PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 26 Xuño 2024 10:54

O Concello de Verín foi un dos catro escenarios elixidos para promover a protección do recurso hídrico a través da arte muralista, grazas á segunda edición do Concurso de Murais “People & Planet”. Esta iniciativa, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e financiada pola Unión Europea, reúne propostas de artistas de diversas partes do estado para ilustrar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6: garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas.

No caso de Verín, o deseño gañador é obra do artista valenciano Noé Peiró, titulado “A parte do xardín que non regas, murcha; se o regas por igual, non”. A súa creación, que foi pintada no muro de acceso a zona verde de A Preguiza, destaca pola súa capacidade de criticar e reflexionar sobre a escaseza e contaminación da auga. O mural divídese en tres partes, utilizando distintas intensidades de cor dentro da mesma gama cromática, para chamar a atención sobre a diferenza entre a abundancia e a carencia do líquido vital. «Esta obra non só busca capturar a atención visual senón tamén fomentar o propio pensamento crítico por parte da comunidade», salientou a concelleira responsable da área de Cultura, Samanta Barreira, quen tamén quixo agradecer ao artista o seu excelente traballo.

Este concurso é unha plataforma para que artistas como Noé Peiró poidan non só exhibir o seu talento senón tamén transmitir unha mensaxe de vital importancia para a sustentabilidade. Ademais, os muralistas gañadores serán recompensados cunha viaxe sostible a Cabo Verde, onde terán a oportunidade de coñecer a realidade deste país africano e a labor do Fondo Galego.

Ademais do mural do artista valenciano, as propostas de Mikel Erkiaga “O importante”, Isa Bermúdez “A viaxe”, e Raúl del Carmen “Cando o río Soa” -pintados en Moeche (A Coruña), Poio (Pontevedra) e Viveiro (Lugo), respectivamente- resultaron ser as que, segundo a organización, mellor ilustran o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6 que chama a “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas”

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

Sobre o ODS 6: Auga limpa e saneamento

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) son 17 metas globais adoptadas polos Estados membros da ONU para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas para 2030. O ODS 6 destaca a necesidade de garantir que toda a poboación teña acceso a auga potable de calidade. Con esta campaña, o Concello de Verín reafirma o seu compromiso coa Axenda 2030 e co desenvolvemento sostible.

Concretamente, o ODS 6 pon de relevo que hai suficiente auga doce no planeta para que todos os seus habitantes teñan acceso a ela, pero boa parte da poboación está afectada pola súa escaseza ou mala calidade. No entanto, podemos entender esta problemática nun sentido amplo, tal e como establece a campaña ‘Water of the future’: medidas para aforrar auga, pegada hídrica, a situación noutros lugares, activismo contra a contaminación dos ríos e os océanos, reivindicación de espazos protexidos, etc.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que conta con 108 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, traballa para concentrar os esforzos da cooperación ao desenvolvemento. Con máis de 27 anos de experiencia, o Fondo Galego ten apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promove numerosas actividades de sensibilización en prol da solidariedade internacional.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>