Gala solidaria "O noso Entroido": Frai Chitín con Nepal |
Martes, 18 Xuño 2024 10:19 |
O Auditorio de Verín acolle o próximo sábado 29 de xuño, ás 20:00 horas, a gala solidaria “O noso Entroido”. Neste evento, co que colabora o Concello de Verín, conta coa participación de Frai Chitín, o xa mítico personaxe entroideiro verinés interpretado por Miguel Ángel Prieto; quen regresa para apoiar unha causa moi especial: axudar á ONG de Nepal, Hugging Nepal. As entradas para este evento teñen un prezo de 5 euros e 2 euros para a fila 0, e poden adquirirse en Imprenta Carlín de Verín. Toda a recadación será entregada íntegramente a Hugging Nepal, organización sen ánimo de lucro composta por gran equipo de voluntariado internacional que, desde Nepal, axudan día a día a persoas sen recursos. Durante a gala proxectarase o documental “O noso entroido”, realizado polos verineses Miguel Prieto Sotelo, “Chita”, Óscar Conde Pérez e Juan Carlos Méndez Damorín, que garante risas e diversión para todos os asistentes. Ao longo do evento haberá moitas máis sorpresas cun único fin: ¡PASALO BEN! A trama do documental, vibrante e cunha trepidante “vis cómica”, consiste nas manifestacións espontáneas do público ante o protagonista que percorre os “puntos quentes” do Entroido ourensán cunha misión: dilucidar cal é “o mellor entroido do mundo”. O resultado é unha desternillante procesión de personaxes que pugnan, entre todos, por dar resposta a esta pregunta, posiblemente a máis transcendente para varias comarcas do sur de Galicia. Quen son Hugging Nepal? O 25 de abril de 2015 cambiou a vida dos nepaleses e nepalesas. Un terremoto de 7,9 na escala de Richter arrasou parte do país, deixando un balance de máis de 8000 falecidos e máis de 3 millóns de afectados. Así naceu Hugging Nepal, un grupo de persoas que, tras a traxedia, se uniron de forma espontánea e auto xestionada para prestar axuda directa aos afectados pola catástrofe. Foi tal o apoio e calor recibido que os anima a continuar cun proxecto cuxa misión principal é devolver aos nepaleses, sobre todo a aqueles que xa vivían en situación de pobreza e aos estratos máis vulnerables, unhas condicións de vida dignas. Desde a súa fundación en 2015, este proxecto foi medrando de maneira espontánea e auto xestionada. Durante estes anos, traballaron arduamente para dar resposta ás necesidades sociais, conseguindo beneficiar a miles de persoas a través dos seus proxectos. A súa clave do éxito? Un gran equipo de voluntarios internacionais e traballadores locais, cuxa dedicación e compromiso fan posible esta importante labor. Hugging Nepal cre na igualdade, na solidariedade e, sobre todo, no respecto. O seu motor é o amor e a empatía cara a aqueles que simplemente tiveron peor sorte.
|