O verinés Óscar Conde emprende unha aventura en moto de 17.000 km: de Santiago a Katmandú |
![]() |
![]() |
![]() |
Martes, 21 Maio 2024 12:47 |
O vindeiro sábado 25 de maio, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá a presentación da viaxe en moto que realizará o verinés Oscar Conde dende Santiago de Compostela (pasando por Verín) a Katmandú. Esta emocionante aventura comezará o próximo mes de setembro e prolongarase ata novembro de 2024, percorrendo máis de 17.000 km. O libro de ruta levará a Oscar a cruzar países por Europa e Asia, incluíndo Italia, Croacia, Montenegro, Albania, Macedonia, Grecia, Irán, Paquistán, India e Nepal, ao longo de seis semanas de viaxe. Durante a presentación, proxectarase tamén o documental sobre a viaxe á estrada máis alta do mundo, KHARDUNG LA PASS en India, situada a 5.600 metros de altura, realizada no ano 2019. Ao finalizar a presentación, e da man dos invitados Miguel Ángel Prieto ("Frai Chitín") e Carlos Damorín, presentarase a gala solidaria “Gala Entroideira por Nepal”, que terá lugar no Auditorio Municipal o día 29 de xuño. Neste evento proxectarase a película "Frai Chitín e o Triángulo Máxico", entre outras moitas sorpresas. A recadación íntegra da gala será doada á ONG española "Abrazando Nepal" (https://huggingnepal.org/), fundada por voluntarios no ano 2015 despois do terremoto de 7,9 graos que devastou o país. Na actualidade, a súa actividade principal é proporcionar comidas diariamente a persoas sen recursos en Katmandú. A ONG está formada integramente por voluntarios.
|