Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Humor absurdo e cinema para a reflexión serán os eixos sobre os que se vertebre a visita de Pepe Viyuela ao FIC de Verín
Humor absurdo e cinema para a reflexión serán os eixos sobre os que se vertebre a visita de Pepe Viyuela ao FIC de Verín PDF Imprimir Correo-e
Martes, 13 Xuño 2023 14:57

Antonio Durán “Morris”, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Serxio Pazos son algúns dos actores que visitaron Verín durante a semana de celebración do FIC Vía XIV nalgunha das súas anteriores edicións. A estes nomes, sumarase neste 2023 o de Pepe Viyuela, un artista polifacético cunha marcada impronta humorística, ben coñecido polo gran público grazas á súa participación en míticos programas de televisión como Un, dos tres ou No te rías que es peor.


Porén, aínda que o seu papel como humorista na pequena pantalla sexa o máis recoñocible, o actor natural de Logroño conta cunha dilatada traxectoria nas táboas e tamén no eido audiovisual (cinema, documentais e series), principalmente como actor pero tamén en calidade de guionista, entre outras facetas. A súa traxectoria é moi ampla e posúe un Premio Ondas polo seu papel na serie Aída.

Unha axenda dobre

Viyuela visitará Verín, convidado pola organización do FIC Vía XIV, cunha axenda que se compón de dúas actividades moi salientables e ben diferenciadas entre si. En primeiro lugar, durante a xornada inaugural do certame, o venres 8 de setembro, a organización do festival vai proxectar o documental Un viaje hacia nosotros, guionizado polo propio actor e dirixido por Luis Cintora.

Un traballo de 70 minutos de duración cun marcado carácter biográfico, no que Viyuela leva a cabo pescudas sobre o pasado da súa familia seguindo o rastro do seu avó Gervasio, que loitou na Guerra Civil Española. Un viaje hacia nosotros amosa a realidade dos refuxiados españois no ano 1939, que non difire moito -tal e como detalla a sinopse do documental- da que hoxe viven milleiros de persoas en todo o mundo. Tras o pase do documental, celebrarase un coloquio no Auditorio no que está previsto que participe o propio Viyuela.

Ao día seguinte, o sábado 9, o actor ofrecerá un pase do seu aclamado espectáculo Encerrona, que se basea en achegar ao público unha reflexión sobre o cotiá desde a perspectiva do pallaso.“O protagonista vive a experiencia de quedar atrapado nas táboas á hora de entrar na escena posto que non sabe onde se está a meter. Entón atópase co público. El non vén actuar, pero vese obrigado a iso”, detalla a sinopse deste espectáculo de hora e media de duración con tintes de comedia e humor absurdo, pero tamén cun notable trasfondo para dar pé á unha reflexión sobre a propia existencia do ser humano.

As entradas para este espectáculo están xa dispoñibles á venda, polo prezo de 12 euros no seguinte enderezo web: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-de-verin/15838--encerrona-de-pepe-viyuela.html

Un motivo de orgullo

“Contar cunha figura de recoñecido prestixio e ampla traxectoria en diferentes ramas artísticas é un orgullo para todos cantos conformamos a organización do FIC Vía XIV. É un orgullo para Verín”, relata Carlos Montero, director do certame. Non dubida en animar a toda a veciñanza da vila a presenciar o potente espectáculo que ofrecerá o actor na localidade. “Confiamos en que se encha o Auditorio posto que Viyuela é un dos actores do panorama estatal máis queridos e a súa mestura de rexistros cómicos e dramáticos é unica”, indica Montero.

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>