Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O escritor Xosé Carlos Caneiro presenta o seu novo libro “Verín de Verín”
O escritor Xosé Carlos Caneiro presenta o seu novo libro “Verín de Verín” PDF Imprimir Correo-e
Martes, 22 Marzo 2022 12:55

O vindeiro 29 de marzo, ás 20:00 horas, o Auditorio municipal de Verín acollerá a  presentación do novo libro do escritor Xosé Carlos Caneiro, “Verín de Verín”, un relato  de variadas historias cun eixo común: Verín. O autor estará acompañado por Román  Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Gerardo Seoane, alcalde  de Verín, e Emilio Rúa, cantautor ourensán, quen amenizará a xornada con música en  directo.


“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora. A  obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal  do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro narrativo.

Dende Conmar Editora cremos que nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás  persoas. Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos  que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en  institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de  Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura de “Verín de Verín”.

O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en  xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca)  para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.

 O xurdir de Conmar Editora

Conmar Editora é un novo proxecto editorial creado en Galicia, concretamente en Verín  (Ourense), co desexo de publicar obas en diferentes formatos que teñen como guía a calidade literaria. Centraremos a nosa atención en libros diferentes, orixinais e con  argumentos estético suficientes para atraer a atención dos lectores.

“Verín de Verín” abre o camiño e é a primeira acción cultural, en forma de libro, de  Conmar Editora, unha empresa que ata o momento tivo como principais focos de  atención a realización de recitais poéticos, organización de eventos de índole literaria,  ou participación en diversas actividades culturais. Co cantautor Emilio Rúa e co escritor  Xosé Carlos Caneiro realizáronse algunhas das actividades citadas.

Xosé Carlos Caneiro

Diplomado en Maxisterio e Licenciado en Xeografía e Historia. Asesor do Centro de  Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.  Profesor do curso “Arte da Ficción e Creación Literaria” da Universidade de Vigo.  Vicepresidente de Afundación, Obra Social de Abanca.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) comezou a publicar no ano 1984. É autor de trinta e  oito libros, ademais de numerosas obras colectivas e antoloxías, traducións,  conferencias, cursos e artigos periodísticos. “Un xogo de apócrifos”, “Ébora” ou  “Ámote” son tres das súas novelas. Escribiu tamén a biografía Jorge Luís Borges e  outros ensaios sobre literatura novelista valeulle os premios Nacional da Crítica, Xerais,  Blanco Amor, Torrente Ballester, Eixo Atlántico, García Barros, Lueiro Rey, Risco, etcétera, e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Actúa habitualmente co  cantautor Emilio Rúa en espectáculos poético-musicais. A súa obra está taducida a  varios idiomas.

Colaborador habitual desde hai vinte e cinco anos do xornal La Voz de Galicia e,  actualmente, da Radio Galega no espazo diario “A crónica”. Director e presentador do  programa cultural “As luces” da TVG. Anteriormente presentou na mesma cadea televisiva o espazo “Oficio de palabras”.

En abril de 2010, na Feira do Libro de Bos Aires, a íntima colaboradora de Borges ao  longo de toda a súa vida, María Esther Vázquez, afirmou nun acto público e coa  presenza de Xosé Carlos Caneiro: “Si Borges estuviese vivo sería tu amigo y admiraría  tu literatura”.

A súa obra foi estudada por diversos investigadores, sobresaíndo a tese que a doutora  Olivia Pena realizou sobre o estilo na obra de Caneiro, merecedora da máis alta  cualificación, sobresaliente cum laude, en xuño de 2008. A través dunha rigorosa  análise científica a autora equipara a obra de Caneiro coa dos máis relevantes escritores  da literatura contemporánea.

 

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>