- Desde a editorial Conmar Editora informan que debido a motivos persoais a presentación do libro "Verín de Verín" de Xosé Carlos Caneiro queda posposta ata novo aviso. -
O vindeiro 22 de decembro, ás 19,30 horas, o Auditorio municipal de Verín acollerá a presentación do novo libro do escritor Xosé Carlos Caneiro, “Verín de Verín”, un relato de variadas historias cun eixo común: Verín. O autor estará acompañado por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Emilio Rúa, cantautor ourensán, quen amenizará a xornada con música en directo.
“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora. A obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro narrativo.
Dende Conmar Editora cren que nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás persoas: «Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura de “Verín de Verín”».
O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca) para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.
O xurdir de Conmar Editora
Conmar Editora é un novo proxecto editorial creado en Galicia, concretamente en Verín (Ourense), co desexo de publicar obas en diferentes formatos que teñen como guía a
calidade literaria. Centraremos a nosa atención en libros diferentes, orixinais e con argumentos estético suficientes para atraer a atención dos lectores.
“Verín de Verín” abre o camiño e é a primeira acción cultural, en forma de libro, de Conmar Editora, unha empresa que ata o momento tivo como principais focos de atención a realización de recitais poéticos, organización de eventos de índole literaria, ou participación en diversas actividades culturais. Co cantautor Emilio Rúa e co escritor Xosé Carlos Caneiro realizáronse algunhas das actividades citadas.
Xosé Carlos Caneiro
Diplomado en Maxisterio e Licenciado en Xeografía e Historia. Asesor do Centro de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Profesor do curso “Arte da Ficción e Creación Literaria” da Universidade de Vigo. Vicepresidente de Afundación, Obra Social de Abanca.
Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) comezou a publicar no ano 1984. É autor de trinta e oito libros, ademais de numerosas obras colectivas e antoloxías, traducións, conferencias, cursos e artigos periodísticos. “Un xogo de apócrifos”, “Ébora” ou “Ámote” son tres das súas novelas. Escribiu tamén a biografía Jorge Luís Borges e outros ensaios sobre literatura novelista valeulle os premios Nacional da Crítica, Xerais, Blanco Amor, Torrente Ballester, Eixo Atlántico, García Barros, Lueiro Rey, Risco, etcétera, e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Actúa habitualmente co cantautor Emilio Rúa en espectáculos poético-musicais. A súa obra está taducida a varios idiomas.
Colaborador habitual desde hai vinte e cinco anos do xornal La Voz de Galicia e, actualmente, da Radio Galega no espazo diario “A crónica”. Director e presentador do programa cultural “As luces” da TVG. Anteriormente presentou na mesma cadea televisiva o espazo “Oficio de palabras”.
En abril de 2010, na Feira do Libro de Bos Aires, a íntima colaboradora de Borges ao longo de toda a súa vida, María Esther Vázquez, afirmou nun acto público e coa presenza de Xosé Carlos Caneiro: “Si Borges estuviese vivo sería tu amigo y admiraría tu literatura”.
A súa obra foi estudada por diversos investigadores, sobresaíndo a tese que a doutora Olivia Pena realizou sobre o estilo na obra de Caneiro, merecedora da máis alta cualificación, sobresaliente cum laude, en xuño de 2008. A través dunha rigorosa análise científica a autora equipara a obra de Caneiro coa dos máis relevantes escritores da literatura contemporánea. |