Videoconferencia de Víctor F. Freixanes e Montse Pena Presas dedicada a autora galega Xela Arias |
Luns, 05 Abril 2021 12:07 |
O vindeiro 7 de abril, ás 11:30 horas, a Biblioteca do Concello de Verín convídanos a coñecer a Xela Arias da man de Víctor F. Freixanes (Presidente da Real Academia Galega) e Montse Pena Presas, (Profesa da USC, crítica literaria, escritora e biógrafa de Xela Arias) a través dunha videoconferencia temática. Con este evento, a Biblioteca Municipal de Verín únese a serie de recoñecementos que se lle brindarán á autora sarriana durante o presente ano, no que a Real Academia Galega acordou que Xela Arias será a persoa homenaxeada nas Letras Galegas de 2021. Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003), está considerada unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea pero que tamén tivo carreira como profesora, editora e tradutora de clásicos. «Achegámonos a un X maiúsculo das nosas letras: o de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), un cumio da poesía galega das últimas décadas. Non é unha misión calquera. Saímos ao encontro dun océano de versos, dunha vida tan breve coma brillante e vizosa. Coñeceremos a Xela editora, a tradutora, e tamén a muller comprometida coa nosa cultura, co pacifismo, co ecoloxismo ou co movemento feminista.» (Texto da Real Academia Galega)
As intervencións que terán lugar na videoconferencia temática serán as seguintes: 1º Breve introdución sobre as mulleres na RAG a cargo de Víctor F. Freixanes.
2º Montse Penas presentará o seu traballo: Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias, ed. Galaxia. Rigoroso estudo da poeta de Sarria a cargo dunha das analistas literarias máis importantes do noso país, que percorre a vida e a obra de Xela Arias dende o seu nacemento en Sarria ata o derradeiro dos seus días. Unha vida e unha obra marcadas pola heterodoxia dunha muller que non desexaba ser categorizada en correntes ou escolas de ningún tipo. Como é habitual na obra de Montse Pena Presas, o libro está escrito cunha prosa achegada á narrativa, lonxe de formalismos académicos, algo que, sen dúbida, tamén sería moi do agrado da propia poeta estudada. Capítulos como Máis rock and roll e menos poesía ou Como regra vital, a independencia, marcan o ton intempestivo, coma o título, que a autora soubo darlle a esta biografía, literaria e vital, da autora homenaxeada nas Letras Galegas deste 2021. As persoas interesadas en obter máis información sobre Xela Arias poden facelo no portal web creado ex profeso pola Real Academia Galega: “Primavera das Letras”: http://primaveradasletras.gal/xela-arias-o-mundo-escribese-con-x/ onde atoparedes a nosa protagonista, fichas didácticas descargables, e as bases do Certame: “Contádenos o voso Día das Letras”. Vídeoconferencias temáticas na Biblioteca de Verín Devanditas conferencias online, que teñen como primeiro público aos alumnos e alumnas de centros escolares da vila, impártense en horario matinal e teñen unha duración de, aproximadamente, 30 minutos. Posteriormente, ás charlas estarán a disposición do público xeral na canle oficial de youtube da Biblioteca. Próximas videoconferencias: - 30 Abril: Francisco Narla (Escritor): "Escribir o pasado. Contar historia na narrativa; Presentación da última novela: "Fierro". Novela Negra/Misterio - 7 Maio: Domingo Villar (Escritor e xornalista): "De ollos de auga ata o Último barco: A serie de Leo Caldas". - 21 Maio: Ledicia Costas (Escritora e Avogada): Presentación do libro Infamia. - 3 Xuño: Eva Mejuto (Escritora): Presentación do libro "Memorias do silencio". (Finalista Premios da Crítica de Galicia). |