Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Verín mide o poder dos experimentos na creación de conciencia fronte á COVID-19
Verín mide o poder dos experimentos na creación de conciencia fronte á COVID-19 PDF Imprimir Correo-e
Sábado, 14 Novembro 2020 12:38

 Porque máis é menos e saúde e enfermidade teñen unha relación inversa, apostar pola información e a concienciación en medidas hixiénicas debe servir para reducir o impacto da COVID-19. Esas son algunhas das premisas nas que se fundamenta a acción que o luns comezará no Colexio Apostólico Mercedario e na que participarán 17 aulas de ESO deste centro e dos IES Castro de Baronceli e Xesús Taboada Chivite. Outra das premisas desta acción, que promove o Concello de Verín, é que a participación directa en experiencias impactantes pode ser un excelente medio para transmitir contidos de educación para a saúde e para fixalos de modo permanente nas persoas participantes.

A acción que medirá o poder dos experimentos na creación de conciencia fronte á COVID-19 foi concibida e será executada ou dirixida por Fátima Fernández Piña, experta en educación en saúde, licenciada en Farmacia, Enxeñeira Técnica Agrícola, Máster en Profesorado de ESO e Bacharelato e alumna do Máster en Saúde Internacional e Cooperación da Universitat de Barcelona.

Para coñecer a validez desta estratexia educativa, o uso de algo tan denostado nos nosos valores culturais como os esputos ou os espirros servirá para coñecer a diferenza entre virus e bacterias e a importancia de hábitos hixiénicos para evitar a súa transmisión. A estampación de máscaras usadas será o medio directo para comprender as diferenzas na acción protectora dos tipos de máscaras que hai no mercado, e indirectamente servirá para transmitir as dúas principais hipóteses sobre a orixe COVID-19 que manexan os informes científicos. Un experimento de cromatografía caseira con alcohol e rotuladores utilizarase para explicar como se fai un test de anticorpos e para poder comprender a diferenza entre glóbulos brancos e vermellos, e entre antíxenos e anticorpos, entre outras cousas. Tamén, un experimento con xabón valerá para que as persoas participantes entendan a diferenza entre lavar e desinfectar e aprendan a diferenciar as accións protectoras de alcohol e xabón fronte á COVID-19 e outras enfermidades infecciosas.

Como non hai nada mellor que aprender no teu propio “habitat”, esta acción educativa desenvolverase no medio natural das persoas participantes, na aula na que pasan a maior parte do curso na súa formación académica. O tempo previsto é o dunha clase, polo que substituirá unha das clases previstas nesa xornada lectiva. Como complemento, antes da acción formativa, as persoas que participen cubrirán un cuestionario en formato dixital que servirá para coñecer a información que posúen sobre os contidos nos que se centra a acción e a súa curiosidade con relación aos mesmos. Finalmente, convidarase a todas as persoas participantes, de novo a través dun cuestionario que cubrirán no seu ordenador ou teléfono, a que avalíen o impacto da formación.

Toda a información recibida a través dos cuestionarios, despois da súa  sistematización estatística, servirá para fundamentar un estudo que se presentará na Universitat de Barcelona, institución que lidera os principais ranquins científicos no ámbito español da formación. Ademais, será transmitida ás catro entidades que copatrocinan a acción (IES Xesús Taboada Chivite, IES Castro de Baronceli, Colexio Apostólico Mercedario e Concello de Verín), para que poidan desenvolver novas intervencións en educación para a saúde.

 

 

 

 

 

 

 

 
EBC


Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









CoronaVirus
Buzón do Cidadán

IOP

IOP Definitivo

PEID 2019

PEID Definitivo

Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>