II Carr@da do Viño |
Xoves, 06 Novembro 2008 18:38 |
O vindeiro sábado, 8 de novembro, a partir das 19 horas, a localidade de Verín acollerá a celebración da “II Carr@da do Viño”. Unha festa en honra ao patrón dos viticultores, San Trifón, e que mediante a unión da cultura e gastronomía busca enxalzar o viño.
O programa divídese en seis estacións:- “Mesón do Castro” (adicada ao caldo). Nela desenvolveranse os seguintes actos: caldo limpo, presentación, bendición inicial, preparación dos carros, chupinazo para o inicio e unha marcha procesional amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e a charanga Xente Nova. - “Praza do Carboeiro” (adicada á empanada): presentación, empanada, primeira espicha do viño (mosto, auga) e saída a San Lázaro pasando pola Praza do Cigarrón. - “San Lázaro” (adicada ao lacón): palabras do alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, entrega de lacón e pan. - “Praza García Barbón” (adicada a cachucha): pregón a cargo de Luis Cougil e Rubén Riós, reparto de cachucha e pan. - “Praza da Merced” (adicado ao xamón asado): trifonada e xamón asado con pan. - “Mesón do Castro” (adicada á bica e queimada): retorno ao lugar de inicio, onde terá lugar o rezo do 'Credomiro'. Ademais, reparto de bica, queimada e conxuro. Como novidade, no percorrido participarán cinco carros, non un só como na edición anterior, que portarán viño branco, tinto, auga, mosto e nenos/as. Para participar neste evento, organizado por Edelmiro Mateo en colaboración co Concello de Verín e a Asociación de Empresarios de Hostalería da Comarca de Monterrei, débese adquirir un ticket, 'barrilete', cuxo prezo ascende aos cinco euros. Devandita adquisición, que se realiza en diferentes bares a localidade, da dereito á cunca, itinerario e ao 'Credomiro'. |