Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Preséntase en Ourense unha nova convocatoria de Vacacións con Traballo en Cabo Verde e Nicaragua
Preséntase en Ourense unha nova convocatoria de Vacacións con Traballo en Cabo Verde e Nicaragua PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 14 Abril 2011 17:50

Catro traballadoras e traballadores da Administración local galega protagonizarán experiencias de voluntariado en Cabo Verde e Nicaragua co programa Vacacións con Traballo, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ao que o Concello de Ourense está asociado. A concelleira ourensá de Benestar Social, Margarita Martín, e o responsable da Secretaría Técnica do Fondo Galego, Ánxelo González, presentaron esta mañá as bases da nova convocatoria e mais o caderno ‘Experiencias Solidarias 2010’.

Esta publicación recolle os testemuños dos voluntarios e voluntarias que gozaron o ano pasado das Vacacións con Traballo. Trátase do interventor do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, que viaxou a Cabo Verde; a directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín, Patricia Varela, que estivo en Santiago de Cuba; a psicóloga do CIM de Nigrán (Pontevedra), Carolina Iglesias, que cooperou no Perú, e do técnico da Deputación de Lugo, Brais García, que realizou a súa estadía en Nicaragua. Os tres primeiros estiveron tamén na presentación desta mañá en Ourense, onde compartiron a súas vivencias.

As e os participantes coincidiron en animar aos empregados e empregadas das catro Deputacións e os 95 Concellos socios do Fondo Galego a apuntarse no programa para desenvolver o seu labor “nunha realidade tan diferente pero tan achegada” como é a dos países do Sur. Sinalaron ademais que a carencia de materiais que padecen nestes lugares “súplese con vontade e sensibilidade polas problemáticas” existentes.

Pola súa banda, o responsable da Secretaría Técnica do Fondo Galego salientou que Vacacións con Traballo é un dos “programas bandeira” da asociación municipalista e “que ten escaso parangón” no noso contorno. Destacou o “compoñente de aventura e de coñecemento doutras culturas” da iniciativa, pero sobre todo a vertente da cooperación, que “non é só transferir coñecemento senón tamén aprender no proceso”. Ánxelo González apuntou que “aínda en tempos de crise non podemos reducir o esforzo en cooperación internacional, que en Galicia xa é ínfimo”. Neste senso, ofreceu datos coma o que sitúa a Comunidade Autónoma no penúltimo lugar neste eido ou aos Concellos galegos entre seis e sete veces por baixo da media estatal. Ao mesmo tempo, situou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como un “referente”, pois vén de ser seleccionado para asesorar a Alemaña e Portugal en materia de cooperación municipalista a través dun proxecto da UE.

Catro prazas para 2011

O programa Vacacións con Traballo volve ofertar este ano catro prazas en países do Sur onde o Fondo Galego apoia proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Nesta ocasión, parceiros da entidade en Nicaragua e Cabo Verde acollerán o persoal das Deputacións e Concellos socios que resulte seleccionado.

O perfil preferido para Nicaragua é o dunha técnica ou técnico da área de turismo, que desenvolverá o seu labor no Instituto de Promoción Humana (INPRUH). Valoraranse tamén os coñecementos en creación e edición de vídeo. En Cabo Verde, a Cámara Municipal de Brava require preferentemente unha arquitecta ou arquitecto paisaxista, que saiba utilizar o Autocad. Terase en conta ademais a familiaridade co manexo de ortofotos. Como segunda opción, escolleríase un informático ou informática.

Tamén no arquipélago africano, dúas persoas voluntarias colaborarán coa Cámara Municipal do Paúl. As profesións solicitadas son a de arquitecta ou arquitecto e mais a dunha técnica ou técnico da área do saneamento, aínda que neste caso existe a segunda opción dun ou unha especialista en medio ambiente. As persoas interesadas poden atopar no web www.fondogalego.org as bases da convocatoria e o formulario de inscrición. O prazo para anotarse remata o 30 de abril.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 129 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.


 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>