|
O Concello de Verín deu a coñecer hoxe a programación e os detalles da nova edición da Feira de Nadal, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de decembro na Praza Maior. Así o confirmaron os concelleiros Manuel Lorenzo, responsable da área de Transportes, Feiras e Xuventude, e Samanta Barreira, concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, quen coincidiron en destacar «o papel dinamizador desta feira, que combina artesanía, gastronomía, participación cidadá e espírito festivo no corazón da vila.»
A feira reunirá 29 expositores distribuídos en 21 postos, nos que o público poderá atopar unha ampla selección de produtos artesanais e gastronómicos. Entre os participantes figuran 5 artesáns con recoñecemento oficial, tres deles amparados polo selo Artesanía de Galicia e outros dous polo sistema portugués CEARTO. A oferta abrangue desde cerámica, coiro, marroquinería, pintura, ilustración e gravado en madeira até artesanía natural, cestería, sublimación ou xoias en arxila polimérica. A organización salienta tamén a presenza de oito artesáns da comarca, que presentarán produtos típicos do Nadal como adornos, centros de mesa, velas, crochet ou artigos florais.
No apartado gastronómico, o evento ofrecerá cinco stands especializados, onde se poderán degustar lambetadas propias destas festas: gofres, crepes, chocolate quente con churros, algodón de azucre, garrapiñadas ou mel artesanal. A feira contará novamente coa participación de dous centros educativos —IES García Barbón e CEIP Princesa de España—, que exhibirán produtos elaborados polo alumnado con fins educativos e solidarios. A Asociación Miquiños tamén estará presente cun espazo destinado á recadación de fondos a través do seu merchandising.
Esta edición mantén o seu carácter transfronteirizo e diverso, con 16 expositores locais e comarcais, ademais de participantes procedentes doutras zonas de Ourense, Lugo e Portugal. A organización subliña que esta combinación converte a Feira de Nadal «nun auténtico escaparate da creatividade e sabores variados», tanto pola variedade dos produtos como pola mestura de técnicas artesanais tradicionais e actuais.
A programación cultural prevista complementarase con actividades orientadas ao público familiar. O venres 5, ás 18:00 horas, a feira abrirá cuhna animación de rúa cheo de maxia, música, luz e cor, que percorrerá o recinto feiral.
O sábado 6, ás 12:00 horas, terá lugar a actuación da Coral de Verín; ás 12:00h posteriormente terá lugar o espectáculo infantil de “Peter Punk: Un Nadal Chungo que te Cagas”, unha función na que o pallaso máis punk do país lle dá a volta ao Nadal cun humor irreverente, retranqueiro e absolutamente tolo. Malabares, lume, música e un desbordante talento escénico combínanse nun show universal no que Peter Punk reformula á súa maneira árbores, luces e tradicións. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar a actuación da Coral de Verín.
Para o domingo 7, a actividade iniciarase ás 12:00 horas coa actuación de Diversity Danza, mentres que das 17:00 as 20:00 h horas chegará un dos momentos máis agardados: a visita de Papá Noel, que recollerá as cartas da cativada e posará con eles para inmortalizar o momento.
Ademais, durante as tres xornadas desenvolveranse obradoiros infantís diarios, orientados a fomentar a creatividade dos máis pequenos.
A feira desenvolverase o venres de 17:00 a 21:00 horas e, tanto o sábado como o domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas. Ademais da zona expositiva e da programación cultural, o evento incorporará os tradicionais actos de clausura: a entrega de diplomas aos participantes e o sorteo da Cesta de Nadal, que se realizará o domingo ás 19:45 horas no stand da organización. A xornada pechará coa entrega do Premio ao Mellor Stand Natalicio, recoñecemento que distingue a presentación máis destacada do recinto feiral.
A Feira de Nadal de Verín reafírmase así como unha das citas máis sinaladas do calendario local, combinando espírito festivo, apoio ao tecido artesán e dinamización económica, cunha proposta dirixida tanto á veciñanza como aos visitantes que se acheguen á vila na ponte da Constitución.
|