Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Alberto Núñez Feijóo inaugura as novas instalacións da Piscina Climatizada de Verín
Alberto Núñez Feijóo inaugura as novas instalacións da Piscina Climatizada de Verín PDF Imprimir Correo-e
Venres, 19 Novembro 2010 14:53


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, acudiron hoxe a Verín para inaugurar as novas instalacións da Piscina Climatizada do municipio.


Durante o acto, no que estiveron acompañados polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, visitaron os novos espazos desta instalación deportiva, tras as obras de remodelación e ampliación da mesma, cun custo de 678.000 euros, subvencionado nun 80% pola Secretaría Xeral para o Deporte. Unha remodelación necesaria por catro motivos, “a crecente demanda de espazos para actividades físicas que non se podía satisfacer coa anterior instalación e xeraba un longa lista de espera, a mellora da accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida, implementación da eficiencia enerxética co fin de diminuír a factura de enerxía e a reparación daqueles elementos que polo uso de máis de 10 anos estaban deteriorados e en malas condicións”, segundo declarou o rexedor municipal. Por este motivo, realizouse unha sala de actividades de 360 metros cadrados, sala de spinning, novo ximnasio, mellora da zona de relax e das escaleiras, instalación dun ascensor e de placas solares no teito da piscina, dentro do proxecto europeo Inega, unha nova caldeira e reparáronse fiestras, ventilacións, paredes e chans. “Unhas obras que revelan a implicación e compromiso da Xunta de Galicia co concello de Verín”, asegurou o secretario xeral para o Deporte, “que non só conta cunhas cualificadas escolas municipais e excelentes deportistas, senón tamén con estas novas instalacións que se converterán nunha referencia na comarca”.

Devanditas instalacións complementan a oferta deportiva deste municipio tras a renovación do Complexo Deportivo de A Granxa, no que tras unha inversión de 1.763.904,29 euros, conta ao igual que a Piscina Climatizada cun novo aspecto totalmente distinto e renovado, e que se atopa conformado pola seguintes instalacións: campo de fútbol, de 100 por 60 metros, de herba artificial de última xeración; dous campos de fútbol 7 incluídos no anterior, gradas cubertas para 420 espectadores, pavillón polideportivo cuberto con pista de madeira de última xeración, sete vestiarios no interior do pavillón polideportivo, aseos para espectadores no interior do pavillón, dos que antes carecían, dúas novas pistas de pádel de herba artificial e paredes de cristal, dúas pistas de tenis reformadas, pista polideportiva exterior de usos múltiples e xogos biosaudables.

“Todas estas instalacións revelan que desde o grupo de goberno concibimos o deporte como un medio para a promoción e o desenvolvemento físico dos cidadáns e da saúde colectiva da poboación, que impulse a participación comunitaria, promova ambientes onde sexa máis fácil practicar comportamentos e estilos de vida saudables e se converta nun instrumento eficaz para a aprendizaxe dos valores humanos desde idades temperáns”, manifestou Jiménez Morán. “Xa que desde o Concello de Verín buscamos non só incentivar a práctica deportiva entre os mozos, nenos e nenas das escolas municipais, que son o noso futuro, senón tamén permitir que diferentes asociacións e colectivos deportivos, como os veteranos, poidan utilizar uns complexos dotados cos mellores equipamentos”. Unhas obras deportivas que tamén se están a realizar, ademais de Verín, nas diferentes localidades do municipio que xa contan con infraestruturas deportivas axeitadas, aptas para todas as idades, conformadas por campos de fútbol e baloncesto, parques infantís para os nenos e biosaudables para os maiores.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo tamén ratificou a importancia do compromiso con Verín no ámbito deportivo, “co cumprimento dunha vella demanda do municipio, nunha instalación que conta con máis de 1.300 socios na actualidade”. Un compromiso destinado a completar infraestruturas e valores da práctica deportiva: competencia sana, respecto ás normas e traballo en grupo. “A política transversal do deporte afecta a todo o goberno galego”, indicou, “e por esta circunstancia desenvolveuse o Plan Galicia Saudable ao que tamén está adherido Verín, xa que investir en deporte é investir en saúde”.

Con todo, o titular do goberno autonómico aproveitou a súa estancia en Verín para revelar diferentes compromiso co municipio nos ámbitos de solo industrial, ambiente, cultura e turismo. No primeiro deles, Núñez Feijóo anunciou a ampliación do polígono industrial de Pazos en 150.000 metros cadrados, cun orzamento de sete millóns de euros, e cuxa licitación se realizará no primeiro semestre do 2011. Un ano no que tamén se licitará o proxecto do plan sectorial do parque empresarial de Tamagos, cun orzamento de cinco millóns de euros. “Son unhas actuacións destinadas a solventar as necesidade que precisan as empresas e emprendedores da comarca, que xa deberían haberse realizado, e que permitirán que Verín pase de non ter ningún metro de solo industrial a 1,5 millóns de metros cadrados”. No ámbito ambiental indicou que a finais deste ano estarán rematadas as obras da estación depuradora do municipio, mentres que no cultural anunciou a licitación dun concurso de ideas para construír un importante espazo cultural en Verín, cun valor de 200.000 euros, e a posta en funcionamento do plan de competitividade Portas de Galicia, nas comarcas de Verín e Conso-Frieiras, “para apoiar o enoturismo, patrimonio histórico, riqueza e benestar”, cun orzamento de 2,5 millóns de euros. “Uns compromisos que revelan que a Verín está na axenda do goberno autonómico e seguirá estándoo”, indicou o presidente da Xunta de Galicia.










 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>