Técnicas e técnicos de Ourense, Verín, Lugo e Ferrol viaxarán a países do Sur como voluntarios co programa ‘Vacacións con Traballo’ |
Martes, 18 Maio 2010 11:58 |
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de concluír a selección dos catro técnicos e técnicas municipais e provinciais que este verán participarán en proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países do SUR. Ourense, Verín, Lugo e Ferrol son as localidades de procedencia dos escollidos, que investirán o seu período de descanso traballando con parceiros do Fondo en Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú. O obxectivo é que os profesionais galegos compartan os seus coñecementos teóricos e prácticos coas entidades de acollida. Contribuirán así a acadar unha meirande implicación dos organismos públicos nos proxectos onde colabora o Fondo Galego, así como a mellorar a visibilidade e a transparencia das iniciativas financiadas. Neste marco, o técnico do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, cooperará coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos, entidade na que se integran os 22 municipios do arquipélago africano. A traballadora do Concello de Verín, Patricia Varela, colaborará coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, institución dedicada á conservación do patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. O seleccionado da Deputación de Lugo, Brais García, vai desenvolver o seu labor no Instituto de Promoción Humana (INPRHU) de Nicaragua, centrado na autoorganización de comunidades locais en prol dun desenvolvemento endóxeno. Por último, a profesional do Concello de Ferrol, María Jesús Olivares, traballará no Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación (CEPRODE), que promove o desenvolvemento local en estreita parcería coas 11 municipalidades da provincia de Huaral, na rexión de Lima. |