Máis de 70 persoas participaron na charla sobre prevención de fraudes informáticos e mellora da seguridade cidadá dirixida ás persoas maiores en Verín |
Luns, 14 Outubro 2024 13:59 |
Esta mañá, o Salón de Actos do Concello de Verín acolleu unha charla informativa dirixida ás persoas maiores, organizada pola Garda Civil en colaboración co departamento de Benestar Social do Concello de Verín e o programa "Cara a conquista do Benestar" do Voluntariado Sénior. A formación abarcou desde a seguridade no fogar ata a prevención de fraudes e o uso seguro de Internet. Máis de 70 persoas participaron na charla, onde estiveron presentes, en representación do Concello, Rosario Rodríguez, concelleira de Servizos Sociais, e Cándida Couñago, concelleira responsable do área de Seguridade Cidadá. A charla foi impartida por Vanesa Domínguez Sousa, ponente do Plan Mayor e do Plan Director da Garda Civil. Rosario Rodríguez destacou a importancia destas charlas, subliñando que «este tipo de iniciativas son fundamentais para empoderar aos nosos maiores e garantir a súa seguridade no día a día». Rodríguez quixo agradecer a participación de todos os asistentes e tamén dos membros do voluntariado sénior, «que coa sua labor altruista supoñen un importante apoio para os técnicos responsables da área de Servizos Sociais e contribúen significativamente á mellora da calidade de vida da nosa comunidade». O obxectivo da charla foi dotar ás persoas maiores das ferramentas necesarias para protexerse mellor ante as ameazas que poidan sufrir no seu día a día, mellorando así a súa calidade de vida e sensación de seguridade. A Garda Civil tamén aproveitou para fomentar a denuncia inmediata de calquera situación de risco, contribuíndo a unha resposta policial máis eficaz e rápida. Desta maneira, buscábase aumentar a seguridade deste sector da poboación, dotándoo de coñecementos actualizados que os axudaran a defenderse mellor das posibles ameazas ás que puideran estar expostos. Na charla abordáronse aspectos como a seguridade no fogar e vía pública, defensa fronte as estafas, prevención do maltrato ou a seguridade dixital. Esta formación enmárcase dentro do Plan Mayor de Seguridad, da Garda Civil e Policía Nacional, un programa nacional, impulsado pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior e desenvolvido pola Garda Civil e a Policía Nacional, que ten como obxectivo principal mellorar a seguridade das persoas maiores. Programa Voluntariado Sénior Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Verín solicitou a subvención do “Voluntariado Sénior” ofertada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Este proxecto, no que se enmarca a iniciativa municipal “Doantes de sabedoría”, ten como finalidade contribuír a mellorar a calidade de vida dos maiores, realizando actividades orientadas a eliminar estereotipos, creando unha imaxe máis social e dinámica. Nesta iniciativa, organizada polo departamento de Oficina Xuventude (voluntariado) e o departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, participan voluntarios sénior que apoian o traballo que realizan os técnicos da área de Servizos Sociais municipais, e do que se benefician mais de 650 persoas.
|