Verín será o punto de saída do Rally da Auga Transibérico Eurocidade Chaves-Verín 2024 |
Mércores, 21 Agosto 2024 12:22 |
O Concello de Verín anuncia que o punto de partida da edición 2024 do Rally da Auga Transibérico Eurocidade Chaves-Verín será dende a nosa vila. Esta é unha das probas máis destacadas do calendario automobilístico do Campionato de Portugal de Rallys (CPR). A competición, que se celebrará os días 13 e 14 de setembro, xa se consolidou como unha cita que os amantes do motor non se poden perder. A elección de Verín como sede inaugural do rally destaca o éxito da colaboración transfronteiriza entre Chaves e Verín.O percorrido estará marcado pola intensa loita polo liderado do campionato, no que só dous pilotos, Armindo Araújo e Kris Meeke, teñen posibilidades matemáticas de alzarse co título. Esta circunstancia engade un interese especial á proba, que será determinante nas contas finais do CPR. O rally, organizado por CAMI Motorsport, conta co apoio dos concellos de Verín e Chaves, así como doutros municipios da contorna e da Escudaría de Ourense, para que todos os amantes do motor poidan gozar deste gran espectáculo deportivo con todas as garantías de seguridade e coa oportunidade de vivir a experiencia de preto cos pilotos. A proxección internacional deste rally reforza a imaxe de Verín como un destino destacado para o turismo deportivo. Este evento terá un gran impacto mediático, tanto a nivel rexional e nacional como no país veciño, aumentando a visibilidade da nosa vila entre os afeccionados ao automobilismo. |