Verín Express: O verinés Aitor Álvarez percorre 1.000 km con só 10€ ao día para chegar a Verín |
Luns, 19 Agosto 2024 11:27 |
O Concello de Verín comparte con orgullo o lanzamento de "Verín Express", unha serie documental protagonizada polo mozo verinés Aitor Álvarez, publicada na súa canle de YouTube @TheWalkingAitor. Inspirado polo formato televisivo "Pekín Express", Aitor emprendeu unha viaxe a pé desde Foix, Francia, ata a súa vila natal, percorrendo 1.000 quilómetros cun orzamento diario de só 10€. Armado cun saco de durmir, cámaras e un camping gas, Aitor gravou cada paso da súa aventura, contando coa xenerosidade de descoñecidos e durmindo ao aire libre. Ademais, estableceu varias estritas normas, como non pagar por aloxamento, non aceptar diñeiro en efectivo e non durmir dúas noites no mesmo lugar. Este desafío, ademais de ser unha proba persoal tanto física como mental para Aitor Álvarez, é tamén unha homenaxe á súa terra natal, Verín. A súa vila non só o inspirou nesta aventura, senón que tamén lle brindou apoio durante a travesía. Os dous primeiros días da súa aventura están dispoñibles en catro capítulos que podedes ver desde a súa canle de YouTube, amosando os retos iniciais da viaxe, como a dificultade de facer autostop ou a experiencia de durmir á intemperie. O Concello de Verín invita a todos a seguir esta serie e a acompañar a Aitor na súa extraordinaria viaxe de regreso á casa, seguindo a Aitor Álvarez tanto na súa canle de YouTube, TheWalkingAitor, como en Instagram ou en TikTok (@thewalkingaitor), onde sube algúns dos momentos máis destacados do seu percorrido. |