Éxito rotundo na Feira do Viño Monterrei |
Xoves, 15 Agosto 2024 10:11 |
A última edición da Feira do Viño Monterrei clausurou con cifras históricas, tanto no número de asistentes como no de botellas e tickets-degustación vendidos. Durante os tres días, miles de persoas visitaron o recinto feiral para coñecer, de primeira man, os viños que se elaboran na denominación, así como para gozar das actividades programadas con motivo desta cita vitivinícola. “Atopámonos ante un evento totalmente consolidado, que se converteu nun lugar de reencontro para moitos turistas e visitantes e que, ano a ano, atrae a máis público”, destaca o presidente do Consello Regulador, Jonatás Gago García. As catas programadas cubriron todas as súas prazas, “quedando moitas persoas en lista de espera”, lembra o presidente, “o que demostra que é un acerto a realización de iniciativas destas características, que nos permitiron mostrar aspectos como variedades, por exemplo o Godello, chans ou harmonías culinarias, entre outros”. Tamén se colgou o cartel de completo nas actividades infantís realizadas na praza da Alameda, onde os máis pequenos da casa puideron formar parte de xogos tradicionais como 3 en raia, ra ou tangram. Así como nas diferentes actuacións musicais, aptas para todos os públicos. “Ilusiónanos ver a xente de todas as idades nesta feira, xa que a nosa idea é facer partícipe ás familias da mesma, e que sintan todos que forman parte do proxecto Monterrei”, manifesta Gago García. Con respecto ás degustacións, as cifras superan as 30.000, cun incremento notable do número de botellas vendidas, “as adegas participantes indicáronnos que este ano venderon máis botellas que nunca”, destaca o presidente. “Debemos agradecer a implicación das adegas e stands gastronómicos, ademais da colaboración do Concello de Verín, e dos traballadores que participaron na organización deste evento, así como Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Garda Civil ou Policía Local, entre outros”. |