Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A XVII Feira do Viño de Monterrei reunirá viño, cultura e gastronomía en Verín
A XVII Feira do Viño de Monterrei reunirá viño, cultura e gastronomía en Verín PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 01 Agosto 2024 12:53

A vila de Verín prepárase para acoller a XVII Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, evento que se celebrará do 9 ao 11 de agosto e que reunirá a 19 das das 29 adegas da comarca. Durante tres días, a praza da Alameda converterase no epicentro do mundo vitivinícola, ofrecendo a veciños e visitantes non só a oportunidade de degustar os viños máis destacados denominación de orixe, senón tamén desfrutar dunha completa programación cultural e gastronómica.

Así o confirmaron esta mañá na presentación oficial do evento o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o presidente do Consello Regulador da D.O Monterrei, Jonatás Gago; e a concelleira de Turismo, Cultura, Festexos e Conservatorio, Samanta Barreira.

Nesta ocasión asistirán un total de 19 das 29 adegas que conforman a denominación, «unha máis que na anterior edición, o que constitúe unha cifra histórica e revela o gran apoio do sector a esta cita vitivinícola», recoñece o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Jonatás Gago García.


Esta cita terá lugar, como vén sendo habitual nas pasadas edicións, na praza da Alameda. Ademais dos stands das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O recinto feiral estará aberto o venres 9 de 19:30 a 24:00 h. (venda anticipada a partir das 19:00 horas); o sábado 10, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 01:00 h; e o domingo 11, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 24:00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

O acto inaugural da XVII Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 9, a partir das 20:00 horas, na praza García Barbón, coa participación da Banda de Gaitas do Concello de Verín.

Previamente a dita inauguración, na Igrexa Parroquial de Verín, ás 18:30 horas, terá lugar o acto de imposición de medallas da Cofraría dos Viños de Monterrei, que volve realizarse en conxunto coa celebración da feira.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, subliñou na súa intenvención o impacto positivo que ten a feira para a comunidade local. «A Feira do Viño de Monterrei é moito máis que unha celebración vitivinícola; con actividades para todas as idades, catas especializadas e concertos de artistas de primeiro nivel, esta edición promete ser unha experiencia inesquecible, consolidándose como un dos eventos máis importantes e esperados do ano en Verín e a súa contorna. Animamos a todos e todas a participar e descubrir o encanto da vila do Támega, desde os nosos excelentes viños ata a nosa rica cultura e tradicións», sinalou o alcalde.

Ademais, desde a organización quíxose facer un chamamento ao civismo e ao respecto polos espazos públicos de Verín. «Este evento é unha oportunidade única para gozar dos excelentes viños, gastronomía e actividades culturais que ofrece a nosa vila. Para que todos poidamos desfrutar desta celebración, é fundamental que colaboremos en manter un Verín limpo e ordeado, respectando o mobiliario urbano, sendo conscientes do ruído e utilizando os baños públicos dispoñibles no recinto feiral. Contribuamos todos a garantir a hixiene, a limpeza e o respecto pola cidadanía do noso pobo durante a feira».

Axenda de actos

Cultura, gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño de Monterrei, entre as que se incluirán diversas actividades paralelas destinadas a adultos e público infantil. As mesmas celebraranse na praza Maior e no interior do parque da Alameda, ao longo das xornadas do 9, 10 e 11 de agosto.

Mentres que para a cativada están previstos para o sábado 10 e o domingo 11 de agosto xogos infantís populares (en horario de 20:00 a 22:00 horas); para o público adulto realizaranse interesantes catas e showcookings na praza da Alameda. O sábado 10 de agosto, ás 13:00 horas, David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía, presentará Elaboracións, variedades e chans da D.O. Monterrei. Máis tarde, ás 20:00 horas, realizarase Sinfonía de sabores: harmonía de viños de Monterrei, gastronomía e música, coa participación de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín). O domingo 11 de agosto de 2024, ás 13:00 horas na praza da Alameda, Juanjo Figueroa Treus, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), ofrecerá a charla O Godello: tipicidade e misterios do rei dos brancos. Todos estes eventos teñen un prezo de 5 e prazas limitadas con inscrición previa no correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

Segundo confirmou a concelleira de Cultura e Festexos, Samanta Barreira, tamén haberá unha completa programación musical especialmente preparada para o desfrute de todos os públicos. «Cada ano, traballamos para mellorar e innovar a programación cultural da feira. Nesta edición contamos cunha variada selección musical, que inclúe artistas de renome, pero tamén conta, como non podería ser de outro xeito, co noso talento local. Esta programación está deseñada para que cada persoa que visite a nosa feira, independentemente da súa idade ou preferencias, atope algo que lle guste e desfrute dunha experiencia inesquecible» declarou Barreira.

O venres 9, a partir das 20:00 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín amenizará o acto inaugural oficial coa súa música en directo. Xa pola noite, ás 24:00 do venres 9, será a quenda de Mercedes Peón. Esta cantante e instrumentista é unha das artistas máis innovadoras do folk galego e europeo; sen abandonar a raíz e a tradición, está considerada como unha das artistas internacionais máis carismáticas do world music. Cativada desde nova pola beleza das cancións, bailes e contos tradicionais da súa terra natal, gravou o seu primeiro álbum “Isué” en 2000, seguido por traballos como “Ajrú” (2004),”Sihá” (2007) e “Sós” (2008). O seu último traballo, “Deixaas”, galardoado co Premio da Crítica de Galicia, categoría Música, en 2018, é o resultado dunha intensa investigación sobre a arte sonora e a tradición musical.

O sábado 10, a música seguirá sendo a protagonista, con animación en directo da Banda de Gaitas do Concello de Verín entre as 13:00 e as 14:00 horas, que amenizará o ambiente no recinto feiral. Xa, ás 24:00 horas, actuará na Praza Maior Soul Teller. Este artista de Rock & Soul afincado en Londres ten traballado e compartido escenario con lendas como Percy Sledge, Bonnie Tyler, Solomon Burke e Rod Stewart; ademais de produtores lendarios como Willie Mitchell (Al Green, Aretha Franklin) ou Lawrence Boo (Bruno Mars). Con máis de dez discos editados e trinta anos de carreira internacional fan que non haxa audiencia que se lle resista. «Cabe destacar que Soul Teller, como mostra de apoio aos artistas locais, contará coa participación das seguintes agrupacións musicais verinesas: José Gayoso (guitarra e Steel Guitar), a Coral A Tempo de Verín, a Banda de Gaitas Nova Era, a Coral de Verín e o acordeonista Edelmiro Mateo», salientou Samanta Barreira

O domingo 11, pechará a feira o concerto de A Quinkillada, ás 22:30 horas. Esta banda naceu como resposta artística ao confinamento da pandemia. A súa música combina ritmos latinos e rumbas quinkis, e co seu primeiro disco,?Gozar, Sentir, Bailar, promete facer bailar a todos os asistentes. O concerto terá lugar na praza García Barbón.

Adegas participantes, casetas gastronómicas e colaboradores

O presidente do Consello Regulador indicou o nome das 19 adegas participantes na próxima edición da Feira do Viño de Monterrei, e que son as seguintes:

Bodegas Ladairo

Gargalo

Valderello

Crego e Monaguillo

Quinta do Buble

Terras do Cigarrón

Triay

Adega Tapias Mariñán

Fragas do Lecer

Via Arxentea

Bodega Abeledos S.L.

Setembro

Bodega Franco Basalo

Adegas Daniel Fernández

Adega Trasdovento

Adega Quinta Soutullo

Manuel Vázquez

Serra de Alén

Ramón Bigotes

Con respecto aos postos de gastronomía, un is que na pasada edición, estarán presentes La Alacena para levar, Panadería Roscas, Cárnicas de Feces, Matilde Waffles e Gelados, Alacena-Puebla de Sanabria, Jamones Don Francisco, Conservas Regiomare, Queiseria Gaia, Xavier dos Leitões y Casa do Pulpo.

Para finalizar, quixeron agradecer a implicación das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Inorde, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural (FEADER).

Sobre a D.O Monterrei

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. A mesma abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. Está conformada por 29 adegas. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 720 hectáreas de territorio nas que traballan 375 viticultores.



 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Axudas Paneis Fotovoltaicos


Guía da Comarca de Verín





Solicitude de Participación

















En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>