O alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), José Ángel Rodicio Portela, asinaron por segundo consecutivo o convenio de colaboración ‘Ludonadal’.
Este proxecto, dirixido a nenos con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos, busca incentivar a promoción económica do comercio tradicional en Verín, proporcionar aos nenos/as un espazo de lecer durante as vacacións, e facilitar a conciliación do tempo libre dos pais coa ocupación dos seus cativos/as. ‘Ludonadal’ realizarase desde o día 23 de decembro ata o 9 e xaneiro, de luns a sábado, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. O horario de mañá busca conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e por este motivo, os usuarios deberán abonar a cantidade de 25 euros por todos os días que dure os servizo da ludoteca. Pola tarde, esta actividade estará destinada a promocionar a actividade comercial e industrial da vila, e para poder acceder a mesma será necesario entregar un vale, selado pola empresa correspondente, xunto co ticket comprobativo da compra, á hora de recoller ao menor e que xustifique a realización de compras nalgún dos establecementos integrados en AEVER -sen existir límite mínimo para a compra-.
Entre as actividades nas que poderán participar os/as nenos/as atópanse: obradoiros de globoflexia, chocolate, papiroflexia, xogos en computador, karaoke infantil ou contacontos, entre outros. Ademais, poderán disfrutar dun Circuíto de Maxia, o día 2 de xaneiro do ‘Show dos Pallasos’ e os días 28 de decembro e 5 de xaneiro coa chegada do Carteiro Real -con xogos e chocolatada con doces- e a Cabalgata dos Reis Magos, respectivamente. Desde o Concello agradécese a AEVER a súa colaboración co evento, coa entrega de traxes infantís para que os nenos podan participar este ano na Cabalgata de Reis, así como do material necesario para realizar diferentes obradoiros.
As inscricións para os participantes, 70 como máximo no período de tarde, serán por orde de chegada e co compromiso do pai/nai de entrega do ticket no momento da recollida do menor.
Para máis información deben dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada na Casa da Xuventude, ou no teléfono 988-414776.
|