‘O mundo en galego’ na Biblioteca de Verín |
Venres, 27 Novembro 2009 13:19 |
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con OQO Editora y a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín, programan entre os días 2 e 4 de decembro a campaña ‘O mundo en Galego’, co obxectivo de que os/as nenos/as coñezan a cultura, historia e costumes doutros lugares do planeta a través dos libros e en galego.
Mediante obradoiros de lecto-escritura, lúdico-didácticos e de animación audiovisual brindaráselles ás alumnas e aos alumnos de infantil e primaria unha oportunidade única de descubriren países de todo o mundo, desde Galicia e en galego. As actividades previstas en Verín son as seguintes: - A Grande viaxe: sucando mares, achegando historias (2 de decembro, de 18 a 19 horas). Con ‘A grande viaxe’, os/as nenos/as entre 8 e 10 anos, percorrerán países de todo o mundo e coñeceran cidades, culturas, animais e monumentos. Máximo: 25 participantes por sesión. - Animar a ler desde casa (2 de decembro, de 19 a 20 horas). Nesta viaxe, os pais e as nais van xogar un papel importante. Aquí terán pautas de lectura creativa que farán que o percorrido polo mundo, e en galego, siga na casa. Máximo: 25 participantes por sesión. - Tremelicantemente tremelicante (3 de decembro, de 18 a 19 horas). Os rapaces e rapazas, entre 9 e 12 anos, descubrirán o divertido que é xogar a inventar palabras e coñecer algunhas tan esquecidas que ata se pode pensar que son inventadas. Máximo: 25 participantes por sesión - Conta conmigo (3 de decembro, de 19 a 20 horas). Unha viaxe en familia pode servir para que pais e nais, fillos e fillas -con idades comprendidas entre 4 e 7 anos- se coñezan mellor, e estreiten lazos afectivos creando todos xuntos un conto que, como todos os contos, agarda ser contado. Máximo: 25 participantes por sesión - Eu tamén animo! (4 de decembro, de 18 a 20 horas). O conto non remata nas marxes dos libros. Os/as nenos/as poden converterse en autores, ilustradores e, por que non?, en directores de cinema e facer que o conto, neste caso Mariluz Avestruz, cobre vida dun xeito diferente. Máximo: 25 participantes por sesión e maiores de 8 anos. Todas as actividades se realizarán nas instalacións da Biblioteca Pública Municipal de Verín e para participar nas mesmas é necesario inscribirse na propia biblioteca ou no teléfono 988-414776. |