Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O Museo do Claustro Mercedario pulveriza todos os récords con 30.000 visitantes e medio cento de actividades en catro anos
O Museo do Claustro Mercedario pulveriza todos os récords con 30.000 visitantes e medio cento de actividades en catro anos PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 09 Decembro 2021 11:01

 Mencións tan salientables como a da revista National Geographic, nominacións para premios de divulgación como a do Instituto Galego do Viño (INGAVI) ou a atención do Consello de Europa, que a semana pasada avaliou as súas instalacións de cara a incluílas nos seus Itinerarios Culturais Europeos, son o extraordinario balance dos catro anos de vida do Museo do Claustro Mercedario de Verín. O centro, nacido da colaboración do Concello de Verín coa Orde da Mercede, pretende divulgar a identidade histórica de Verín mediante as máis modernas técnicas de Interpretación Patrimonial.


Onte á tardiña, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, entregaron a Gustavo Agudo, un mozo de Barcelona, un certificado que o recoñece como o visitante 30.000 do Museo do Claustro Mercedario, ademais dun lote de agasallos consistente nunha cea nun restaurante de Verín, un lote de viños da DO Monterrei e varios libros divulgativos da historia da comarca.

O mozo agraciado pertencía a un grupo de investigadores do CSIC e de varias universidades que realizaran traballos de investigación na costa galega, e agora visitaban o interior de Galicia partindo de Sanabria. O museo coñecérano a través da información aportada polos veciños na propia vila de Verín.

O fito de alcanzar os 30.000 visitantes, segundo o alcalde, «demostra que a historia e o patrimonio son un valor engadido para unha comarca, e este valor ven da divulgación, non da súa mera exhibición». Destacou que a fórmula da Interpretación Patrimonial «vai máis alá de xuntar obxectos», e ten que centrarse na súa explicación amena e divertida, que “enganche” ao público coa identidade dunha comarca, neste caso a de Monterrei.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, lembrou a importancia das actividades de divulgación ambiental e ecolóxicas desenvoltas polo Museo, especialmente entre a poboación moza de Verín, que serán os que «no futuro padecerán ou corrixirán as desviacións causadas no noso ecosistema polo cambio climático, pola contaminación ou o quecemento global», polo que debemos «equipalos coa mellor arma para loitar contra a parte mala do mundo que lle deixamos, e esa arma é o coñecemento».

Os representantes do Concello de Verín fixeron unha mención de especial agradecemento á Orde da Mercede, lembrando que «por catro veces foron acollidos pola nosa comarca, unha na acrópole, outra no convento da Mercede, outra nun edificio nesta mesma praza -tras a desamortización- e de novo no convento ao que regresaron tras mudar o Concello para a súa actual ubicación». «Agora», sinalaron, «devólvenlle con creces o favor á  poboación da vila proporcionándonos esta marabillosa ubicación para dar a coñecer a historia, o viño e os valores ambientais da comarca».

Consello de Europa e National Geographic

A semana pasada o museo recibía a visita de Cristina Farinha, da Universidade de Oporto, para avaliar para o Consello de Europa a súa inclusión como parte de la riqueza patrimonial da Eurocidade Chaves-Verín no Itinerario Cultural Europeo. Fai apenas uns meses, o Museo do Claustro Mercedario de Verín foi mencionado pola revista National Geographic entre os atractivos da comarca de Monterrei, xunto con bens culturais da categoría do castelo da acrópole ou da igrexa de Mixós.

A mención, incluída nunha ampla reportaxe sobre o enoturismo en Galicia, destacou ao Museo como unha parte máis "da riqueza cultural da comarca" que alberga contidos patrimoniais e divulgativos desta. A mención da revista pioneira na promoción de viaxes e experiencias en todo o mundo supón un recoñecemento da labor do museo, que naceu precisamente para divulgar a identidade cultural da comarca de Verín.

Concretamente, referíndose á comarca de Monterrei, National Gegraphic di que: A su riqueza cultural se suma la iglesia prerrománica de Mixós, la de la Merced junto a su convento cuyo claustro alberga un museo con historia y patrimonio de la comarca, la Casa del Escudo así como la de los Acevedo -que acogió un conocido encuentro entre Felipe El Hermoso y el Cardenal Cisneros-.”

Audiovisuais, reproduccións e moita divulgación

Dende a súa apertura o 15 de marzo 2017, o Museo do Claustro Mercedario de Verín foi quen de abrir en Galicia un camiño innovador e sumamente eficaz para a divulgación patrimonial. Con 30.000 visitantes, a utilización das modernas técnicas de interpretación patrimonial conseguiron crear dende a nada un dinamizador cultural para a comarca de Monterrei, capaz de articular dun xeito innovador a divulgación do patrimonio arqueolóxico, cultural e medioambiental do sur da provincia de Ourense. Entre os seus logros conseguidos estes anos destacan:

 

  • Unha cifra record de visitantes que suma 30.000 en pouco máis de tres anos.
  • Trece exposicións e interpretacións patrimoniais.
  • Nove actividades en colaboración coa UNED.
  • Un congreso internacional de lagares rupestres.
  • Catro congresos e xornadas de divulgación.
  • Sete actividades e visitas formativas con prescriptores.
  • A colección de boletíns de “Peza do mes”.
  • Dúas publicacións e numerosos folletos.
  • Difusión do seu traballo a través de diferentes canles de comunicación propias.

 

DIVULGACIÓN PATRIMONIAL

 

Explicar entretendo a historia do sur de Galicia, desenvolvendo a identidade propia do Val de Monterrei mediante as modernas técnicas de interpretación patrimonial, foi dende o inicio o obxectivo do Museo do Claustro Mercedario.

 

  • “O viño no camiño de Santiago”, relato sobre a vinculación da cultura do viño de Galicia cos camiños e o feito xacobeo, comisariada  polo historiador Francisco Singul.
  • ”Dionisos, 2000 anos de viño en Monterrei”: A Denominación de Orixe máis nova de Galicia é, sen embargo, a que alberga os restos máis antigos da cultura do viño: o conxunto escultórico de “Dionisos e Ampelos” e os lagares rupestres. Interpretación patrimonial, reproducións 3D e audiovisual.
  • ”Tartessos, primeiros contactos”: A Pedra Alta de Castrelo do Val evidencia que os contactos do Val de Monterrei coas culturas do Mediterráneo data polo menos do ano 1000 a.C. Outras evidencias, como a “Ara da Cabanca” corroboran este cosmopolitismo temperán.
  • ”Identificadores aromáticos e túnel dos viños de Monterrei”: As doce variedades de uva dos viños de Monterrei teñen unhas características propias que as fan únicas. Aprender a identificalas e aprender un patrimonio desta comarca.
  • ”Monterrei, berce do licor café”: A historia do licor café e a historia do Val de Monterrei. O misterio de porqué en cada lareira hai unha receita distinta agóchase na evolución dos destilados nos Xesuítas do Castelo de Monterrei e no contrabando do café.
  • ”Verín, en clave de gaita”: Monterrei alberga as reproducións máis antigas de gaiteiros de Galicia, e unhas das máis antigas de Europa. Tras a súa restauración, xunto con doce cornamusas únicas e procedentes de todo o mundo, conformaron un ciclo con charlas, visitas guiadas, xornadas formativas e material de divulgación.
  • Instalación do Padrón dos Pobos. O topónimo do Val do Támega se atopa escrito por primeira vez nun miliario moi especial, o Padrón dos Pobos. A súa historia explica o inicio de toda a cultura de Monterrei.
  • Instalación do Cine Buenos Aires: O Cine Buenos Aires foi o centro da vida social de Verín e de todo Monterrei durante máis de cinco décadas. Baixo o seu proxector decenas de miles de veciños pasaron os seus momentos de ocio.
  • ”Pezas do mes”: As partes do cigarrón ou a mázcara antiga das Xironda, a máquina de encher os chourizos ou as reproducións da Pedra Alta e do Dionisos, expostas, resumidas e publicadas en boletíns de “pezas do mes”.

 

DIVULGACIÓN PATRIMONIAL E CURSOS

 

O Museo do Claustro Mercedario ten desenvolto un innovador modelo para servir de núcleo de activación de actividades culturais que potencien o coñecemento patrimonial no sur da provincia de Ourense. Deste xeito, cursos da UNED, xornadas (unha delas internacional) seminarios e mesmo exposicións de divulgación medioambiental teñen incentivado a vida cultural de Monterrei.

  • II Congreso Internacional de Lagares Rupestres.
  • Curso de Cata da UNED “De monterrei ao mundo”, impartido ao longo de todo 2018.
  • I Xornada de Monterrei na Vía da Prata, da Asociación de Amigos da Vía da Prata.
  • Xornadas e visitas de divulgación ambiental de centros escolares de Monterrei.
  • Programa de divulgación ambiental “A mariposa Monarca”.
  • Concurso de redacción sobre concienciación ambiental “A man culpable”.
  • Programa escolar “O monte vivo”, co IES Xesús Taboada Chivite.
  • Visitas e charlas de prescriptores e catas da DO Monterrei.
  • I e II Xornadas Micolóxicas de Verín (decembro 2019 e 2020), con exposición posterior

 

PROGRAMA DE CESIÓNS

De resultas do seu éxito, o Museo está comezando a xestionar o seu propio programa de doazóns. Útiles con valor antropolóxico (a máquina de encher, pipotes carreteiros) ou mesmo con valor histórico (os raís do tranvía desaparecido de Cabreiroá) ou a mázcara máis antiga da Xironda comezan a fluír como fondos expostos ao público.

 

PUBLICACIÓNS

O Museo tamén impulsa un servizo de publicacións propio, no que potencia a divulgación dos aspectos máis importantes do patrimonio da comarca. Entre os títulos máis destacados está “A historia de Verín en 100 obxectos” e “Verín, enclave de Gaita”; ademais de folletos sobre arquitectura e historia balnearia, entre outros.

 

VÍAS DE COMUNICACIÓN PARA CONECTAR COS SEUS PÚBLICOS

O Museo Claustro Mercedario leva a cabo unha ampla labor en comunicación co fin de dar a coñecer as súas actividades e espertar o interese dos seus públicos polo seu produto cultural. Neste ámbito, a labor enfócase tanto ao mundo das redes sociais como ao tratamento das novas cos medios de comunicación. Pero esta labor tamén inclúe unha faceta indispensable que foi clave do seu éxito e que non é outra que a conversa activa cos seus públicos a través das diferentes canles (correo, teléfono, redes sociais e tamén o propio museo).

 

 

 

 
EBC

Logo FEADER

Centro de Dia

Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









En que mesa voto?

Compostaxe

Buzón do Cidadán

IOP Definitivo

PMPCI

PEID PREGUIZA

PEID Caldeliñas

Plan Xeral de Ordenación Urbana

PXOM APROBACION INICIAL

Peprich a fecha 2023


Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac



?>