A Casa do Concello de Verín acolleu esta mañá a presentación de José Manuel Ferreira Colmenero como representante da selección española no X Campionato do Mundo de Wu-Shu, que se celebrará en Toronto (Canadá) durante os días 24 e 29 outubro.
Neste acto, no que participaron José Gago Garrido, director nacional do departamento de Wu-Shu, Manuel Otero Martínez, profesor do deportista, Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín, e Víctor Manuel Baladrón Lamas, concelleiro de Deportes, recoñeceuse “a valía deportiva e humana deste mozo verinense, que se iniciou nesta práctica deportiva a idade de cinco anos chegando a alcanzar, nos últimos anos, os campionatos de España en categoría absoluta e o subcampionato de Europa”, segundo puntualizou o rexedor de Verín. “Unha excelencia deportiva que o convirte en integrante fundamental das seleccións galega e española e nun referente para todos os mozos e mozas deste municipio”, recoñece Jiménez Morán, e engade que “por este motivo, desde o Concello de Verín queremos continuar apoiando aos deportistas da localidade, social e economicamente, e potenciar o deporte de base que formará aos adultos do mañá”.
No X Campionato do Mundo de Wu-Shu soamente participarán dous representantes españois, Noah Barros e o verinense José Manuel Ferreira, que competirá nas especialidades de Nan Quan, Nan Gun e Nan Dao; mentres que Noah Barros realizará as de Chang Quan, Dao Shu e Gun Shu.
José Manuel Ferreira Colmenero é a primeira vez que representa a España nun campionato mundial, no que participan un total de 85 países e aproximadamente 1.500 atletas. Este competidor, cinturón negro de Wu-Shu e galardoado recentemente como ‘Mellor Deportista do Ano” pola Real Federación de Judo e Deportes Asociados, acadou nos últimos anos diferentes trofeos a nivel provincial, rexional, nacional e internacional como: Campionato Internacional Cidade de Ourense (2006, 2007 e 2008), Campionato Galego Absoluto (2007, 2008 e 2009), Campionato de España Absoluto (2006, 2007, 2008 e 2009) e o Subcampionato de Europa Absoluto (2008), entre outros. |