Proxecto de Vínculos Solidarios Verín – Nicaragua |
Venres, 25 Setembro 2009 15:40 |
O vindeiro luns, 28 de setembro, terá lugar na Biblioteca Pública Municipal de Verín, a partir das 18 horas, unha videoconferencia entre os escolares de Verín e os de Mosonte en Nicaragua. Unha actividade que xurde a partires da visita no pasado mes de maio das compañeiras da fundación nicaragüense FUNDEMUNDI (Fundación para la promoción y desarrollo de las mujeres y la niñez) á sede de FEMURO (Federación de Mulleres Rurais de Ourense), en Verín, e as instalacións da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín. Este proxecto de Vínculos Solidarios que pretende establecer lazos de unión entre Galicia e Nicaragua a partir do traballo coas asociacións de mulleres, xurdiu xa hai máis de cinco anos. Cúmprense agora dous anos desde que a Federación de Mulleres Rurais de Ourense visitara a sede coa que agora se vai conectar “virtualmente”. O obxectivo deste proxecto é sensibilizar á poboación galega coa realidade dos países empobrecidos cos que traballa a Fundación Axuda en Acción nos que o papel das mulleres cobra un especial protagonismo. O proxecto está coordinado pola Delegación Galicia de Axuda en Acción e contou coa colaboración da Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín. |