Almorzos e merendas saudables no programa ‘Concellos Saudables’ |
Xoves, 17 Setembro 2009 10:57 |
O Concello de Verín, no marco do programa ‘Concellos Saudables’ financiado pola Consellería de Sanidade, continuará durante este curso escolar coas seguintes actividades: - Almorzos saudables, unha hora antes do comezo do horario escolar, no CEIP Princesa de España, Educación Infantil Amaro Refojo, CEIP Amaro Refojo e CPR María Inmaculada. - Merendas saudables, unha hora despois do remate do horario escolar, nas escolas unitarias de Pazos e Feces de Abaixo (martes e xoves). Para participar nestas actividades, para nenos con idades comprendidas entre os 3 e 11 anos, é necesario inscribirse no centro de ensino correspondente ou na oficina de Educación Familiar (Casa da Xuventude -Avda. de Portugal, 11 bis- ou no teléfono 988-414776), antes do 30 de setembro. Con estas actuacións, efectuadas por profesionais, o Concello de Verín pretende fomentar unha política promotora da saúde, que impulse a participación comunitaria, que promova ambientes onde sexa máis fácil practicar comportamentos e estilos de vida saudables, a través da boa alimentación e da práctica regular do deporte, e que cree estruturas funcionais que poidan dar continuidade ás liñas estratéxicas establecidas nos “Programas de Promoción da Vida sen Tabaco e de Actividades Saudables, Exercicio e Alimentación” (Programa PASEA) da Consellería de Sanidade, que facilitan o logro de obxectivos do Plan de Saúde de Galicia 2006-2010. Este proxecto participativo de carácter social, educativo, e familiar, no que se establecen lazos cooperativos, xurde como consecuencia dos malos hábitos nos que está a caer a poboación de Verín en xeral. As diferentes áreas de actuación nas que se divide o programa son: promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas, promoción dunha alimentación equilibrada e saudable e promoción da actividade física para mellorar a saúde. |