Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas REGULAMENTO DO SERVICIO DE "AXUDA A DOMICILIO"
REGULAMENTO DO SERVICIO DE "AXUDA A DOMICILIO" PDF Imprimir Correo-e

 

A Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local establece no seu artigo 25.2 k) como competencia municipal a prestación de servicios sociais e de promoción e reinserción social, nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas. Asemade tamén o prescribe a recente Lei 5/1997, do 22 de xullo de administración local de Galicia no seu artigo 80.2 k).

En canto ó que atinxe á lexislación específica de servicios sociais de Galicia, dicir que a Lei 4/1993 de servicios sociais no seu artigo 8.2 dálle carácter de programa básico de actuación en materia de servicios sociais de atención primaria ó programa de axuda no fogar para prestarlles un conxunto de atencións de carácter doméstico, social, persoal ou educativo ós cidadáns no seu medio. Así mesmo establece no seu artigo 21 que lles corresponde ós concellos a competencia para a creación e xestión dos servicios sociais deste primeiro nivel. Como desenvolvemento da lei o Decreto 240/95, do 28 de xullo, regula os servicios sociais de atención primaria, de forma que se garanta a atención básica e xeneralizada na totalidade do territorio autonómico cuns contidos mínimos na prestación dos servicios a tódolos cidadáns.

O Concello de Verín entende a necesidade social de prestar este servicio de xeito continuado, financiándose a través de subvencións da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ademais doutras que se poidan acadar. Actualmente a demanda da prestación do servicio de axuda a domicilio (S.A.D.) xunto cos medios nunca suficientes cos que o concello conta para poder afrontar os servicios sociais de atención primaria que garantan o benestar social dos veciños, fai preciso establecer unha normativa mínima que regule este servicio co fin de que as solucións que se adopten respondan a principios equitativos e de xustiza social, de xeito que disfruten do S.A.D. as persoas e as familias que o precisen, dada a imposibilidade de poderse prestar con toda a amplitude que este concello desexaría.

Polo tanto, en cumprimento do mandato de regulamentar este servicio mediante ordenanza municipal, que prevé a Orde do 22 de xullo de 1996, pola que a Xunta de Galicia normativiza o servicio de axuda no fogar, e no exercicio da potestade regulamentaria que recoñece a lexislación do réxime local, disponse:

 

ARTIGO 1.-

O servicio de axuda no fogar defínese:

O servicio de axuda no fogar é un servicio social comunitario dependente dos servicios sociais de atención primaria, que axuda ás familias e persoas soas con dificultades, para conseguir que poidan vivir na súa casa mentres sexa posible.

 

ARTIGO 2.-

A finalidade do servicio de axuda no fogar é a mellora da calidade de vida das persoas que necesitan asistencia, manténdoas no seu medio habitual, evitando deste xeito a institucionalización, podendo así integrarse ou reintegrarse na súa comunidade.

 

ARTIGO 3.-

A función do servicio de axuda no fogar é:

- Atender no fogar as persoas e familias en situación de necesidade social.

- Ofertar unha serie de atencións no propio domicilio dos usuarios.

 

ARTIGO 4.-

Os obxectivos do servicio de axuda no fogar son:

- Manter a convivencia no domicilio.

- Garantir a seguridade e a autonomía do individuo.

- Utilización de recursos que diminúan o illamento da persoa.

- Apoiar no desenvolvemento das capacidades para a integración na convivencia familiar e comunitaria.

- Renovar os vínculos coa familia, os veciños e o roteiro, ou crealos de novo.

- Optimizar o rol socializador da familia.

- Facilitar os medios para que os usuarios poidan mellorar a súa calidade de vida.

- Prever internamentos innecesarios en institucións.

 

ARTIGO 5.-

O servicio de axuda no fogar desenvolverá as seguintes actividades:

- De carácter doméstico: limpeza, lavado, cociña, pasar o ferro á roupa, etc.

- Servicios persoais: coidado da propia persoa.

- Servicios familiares: soporte á familia con problemas, coidado de nenos, asesoramento e formación de pais, terceira idade, persoas con discapacidade...

- De compañía e mobilidade.

- De carácter social: facilitar a vida de relación co contorno.

 

ARTIGO 6.-

Poder ser destinatarios do servicio de axuda no fogar:

- Nenos, os pais dos cales sufran ausencias temporais, que estean incapacitados para exercer a súa función temporalmente.

- Persoas con minusvalías para favorecer a súa autonomía persoal.

_ Anciáns que vivan sos e ós que non poidan atender os seus familiares.

- Persoas ou familias con dificultades temporais por convalecencia ou outros motivos.

- Familias sen estructura con serios problemas de relación.

 

ARTIGO 7.-

Non serán beneficiarias do servicio:

- Aquelas persoas que requiran un tratamento especializado.

- Aquelas persoas que requiran unha atención diaria de máis de dúas horas, salvo situacións excepcionais, agás de casos que precisen atención durante as 24 horas do día.

- Aquelas persoas que teñan ingresos, aforros ou rendas que lles permitan ter unha axuda totalmente privada.

 

ARTIGO 8.-

O servicio deixarase de prestar polas seguintes causas:

1. Falta de colaboración da persoa ou familia atendida para poder levar a cabo as tarefas propostas.

2. Necesidade dun ingreso hospitalario ou residencia.

3. Cando a familia poida asumir a situación.

4. Cambio de situación.

5. Cando aparezan casos máis urxentes e sexa necesario atendelos de acordo con criterios técnicos.

6. Cando o concello deixe de prestar o servicio, ben por falta de medios ou ben porque os asuma outra administración.

 

ARTIGO 9.-

Traballadores que integran o servicio de axuda no fogar:

 

A. O diplomado en traballo social-asistente social: É o profesional que recibe a demanda, realiza o estudio do caso e informa o tipo de servicio que se prestará a cada solicitante.

Funcións:

--------

- Responsabilidade e coordinación do servicio.

- Definir os obxectivos da intervención e destinar os profesionais e/ou voluntarios necesarios.

- Dar a coñecer o servicio ó usuario e acordar os compromisos das partes.

- Manter reunións periódicas co usuario e a auxiliar de fogar para garantir o correcto funcionamento do servicio.

- Suspender o servicio por motivos determinados (artigo 8).

- Avaliación do servicio.

 

B. A auxiliar de fogar:

Persoal que realiza unha tarefa educativa en contacto directo e periódico co usuario, a súa familia e o seu contorno inmediato.

Fundamentalmente traballa cos coñecementos do que o usuario necesita para afrontar as dificultades da súa vida de cotío.

Os medios que utiliza para realizar o seu traballo, educativo xeralmente, son tarefas que teñen relación co fogar, coa familia, co contorno e de compañía:

* Hixiene persoal do usuario.

* Limpeza da casa.

* Interrelación familiar e extrafamiliar veciñal.

* Compañía...

 

C. Equipo complementario:

Contarase coa colaboración de tódolos técnicos do concello (pedagogos, psicólogos, animador sociocultural, xefe de persoal, etc...) para asesorar en temas da súa competencia, co fin de mellorar o servicio de axuda no fogar.

 

ARTIGO 10.-

A selección da auxiliar de fogar realizarase a través das bases para a contratación de persoal que en cada momento aprobara o concello, valorándose:

* Formación recoñecida oficialmente sobre o programa de axuda a domicilio.

* Capacidade de comprensión, razoamento e iniciativa.

* Discreción e respecto ós usuarios do servicio.

* Receptividade para asumir os criterios establecidos na planificación para executar a adecuada prestación do servicio.

* Experiencia en traballo con anciáns, nenos, persoas con discapacidade, etc.

* Terán preferencia as persoas con escasos recursos económicos e cargas familiares.

 

O persoal prestaráselle asesoramento técnico en canto a aspectos xerais do servicio e dos usuarios que se atenderán.

 

ARTIGO 11.-

A auxiliar de fogar deberá de:

1. Axustarse ó programa que se estableceu tecnicamente.

2. Non interferir nin limitar o dereito do usuario á súa intimidade.

3. Ir ó traballo soa, sen compañía.

4. Non facer ningún comentario fóra do fogar do usuario, agás co asistente social que coordina o servicio. Gardará estricto segredo profesional.

5. Saber que é un traballador da administración municipal, non ten relación laboral co usuario.

 

ARTIGO 12.-

O concello prestará o servicio de axuda no fogar ou mediante concerto con outra institución.

A solicitude do posible beneficiario será mediante instancia, na que consten os seguintes datos:

* Nome e apelidos.

* Idade, estado civil e enderezo.

* Medios de vida.

* Relación de individuos que constitúen a familia e parentesco ou razón de convivencia con aquelas.

 

Calquera veciño poderá pór en coñecemento dos servicios sociais de atención primaria os supostos da persoa ou familia que coñeza que ó seu xuízo poidan requirir a prestación do servicio, para que o concello, logo da avalización das circunstancias, poida prestar o servicio.

 

ARTIGO 13.-

Certificado de pensións que percibe o solicitante, ou nóminas no seu caso, tamén dos membros da súa unidade familiar; certificación dos bens urbanos rústicos e/ou licencia fiscal e fotocopia da declaración da renda, entre outros.

 

ARTIGO 14.-

Procedemento:

Logo de recibir a solicitude, o D.T.S.-asistente social encargado do programa de axuda no fogar, á vista dos datos aportados, procederá ó estudio da demanda, tendo en conta as seguintes variables:

- Situación económica dos solicitantes.

- Soporte familiar e afectivo.

- Grao de autovalemento.

O asistente social emitirá informe determinando o tipo de prestación que ó seu xuízo deberá de facerse efectivo.

O servicio de axuda no fogar elevará proposta na que se fará constar:

1.- Procedencia ou non da prestación do servicio de axuda no fogar.

2.- No caso de estimarse procedente a prestación determinarase o tipo de prestación.

3.- Persoa que o prestaría.

4.- Tempo e data de prestación.

5.- Acordo escrito co usuario onde se detallen as tarefas, horarios, días e auxiliar que lle presta o servicio.

Corresponderalle á Concellería de Servicios Sociais e en todo caso ó alcalde, resolver as solicitudes da prestación de servicio logo da proposta do D.T.S.-asistente social do programa de axuda no fogar.

 

ARTIGO 15.-

O servicio de axuda no fogar prestarase:

- En condicións de gratuidade, ás persoas con escasos recursos económicos.

- Cofinanciado co usuario na medida das súas posibilidades.

 

ARTIGO 16.-

A aportación económica será a seguinte:

 

NIVEL DE RENDA PER CAPITA TASA DE APORTACION DO USUARIO/S

-Igual ou inferior a P.N.C.

mensual vixente EXENTOS

- Ata un 24% da P.N.C.

mensual vixente 2,5% DO CUSTO MENSUAL NETO DO SERVICIO

-Incremento dun 25% a un 50%

sobre P.N.C. vixente 5% DO CUSTO MENSUAL NETO DO SERVICIO

-Incremento dun 51% a un 75%

sobre P.N.C. vixente 10% DO CUSTO MENSUAL NETO DO SERVICIO

-Incremento dun 76% a un 100%

sobre P.N.C. vixente 15% DO CUSTO MENSUAL NETO DO SERVICIO.

-Incremento de máis do 100%

sobre P.N.C. vixente 20% DO CUSTO MENSUAL NETO DO SERVICIO.

 

(1) P.N.C.: pensión non contributiva.

(2) custo mensual neto: coste bruto - aportacións á Seguridade Social.

 

Nota: O gasto ligado ó alugueiro da vivenda coa debida xustificación é deducible dos ingresos en tódolos casos.

 

ARTIGO 17.-

O Concello de Verín potenciará o voluntariado como forma de fomento da expresión da solidariedade, e como complemento necesario para a efectividade social da prestación do servicio.

Defínese como voluntario á persoa que ademais dos seus propios deberes profesionais e de posición social, de forma continuada,desinteresadamente dedica unha parte do seu tempo a actividades a favor dos demais ou de intereses sociais colectivos seguindo un proxecto que non se esgota con esta intervención, senón que tende a erradicar as causas da necesidade e da marxinación.

Funcións do voluntario:

* Visitar

* Realizar xestións con ou sen o usuario.

* Conectar ó usuario ou a auxiliar de fogar co roteiro.

* Fomentar actividades agradables dentro do fogar cando existan dificultades para saír del.

* Velar enfermos.

* Reforzo escolar ós nenos con dificultades de rendemento escolar,á maneira como deberían de facelo os seus propios pais.

Para o efecto realizaranse campañas de promoción do voluntariado. O servicio social de atención primaria servirá de intermediario entre o usuario e o voluntariado.

 

DISPOSICION FINAL.-

Este regulamento entrará en vigor cando se cumpran os trámites e requisitos que esixe o artigo 70.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, é dicir, publicación íntegra do texto no Boletín Oficial da Provincia e transcurso do prazo que prevé o artigo 65.2 da devandita disposición.

 

 

 

DILIXENCIA: Para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia Nº 74 de data 3.4.99.

 

Verín, 7 de abril de 1999

 

O secretario

 

 
?>