O departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, en colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, participa no programa de acollida temporal 'Vacacións en Paz', que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto.
O Concello de Verín leva participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 2004, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que os/as seus/súas fillos/as, desfruten dunha estancia agradable baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras en Verín, resultando para eles/as unha experiencia moi gratificante que repiten ano tras ano. Os obxectivos deste programa, que se leva a cabo grazas á colaboración económica das familias e concellos que se acollen ao mesmo, son: trasladar a nenos/as saharauis, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias galegas; reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauis a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que actualmente viven, facilitar asistencia médica e de alimentación, promover, entre a sociedade galega, os valores de tolerancia e solidariedade facilitando así a convivencia e integración de todas as persoas na comunidade, perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelán e galega que estudan nos seus programas escolares, ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre e evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto por teren as temperaturas máis altas (máis de 50º).
Todas as persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa para o ano 2015 deben contactar, antes do 01 de decembro, co departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín (situado na Casa da Xuventude -Avenida de Portugal, nº 11 bus) ou no teléfono 988-414776. Por outra banda, o mércores 12 de novembro, ás 20 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Verín unha reunión informativa sobre o proxecto 'Vacacións en Paz' no que estarán presentes responsables da asociación, que se desprazarán ata Verín, co obxecto informar sobre o mesmo -polo que se convida a todos/as os/as interesados a acudir á mesma-.
|