Dende o Concello de Verín promóvese a realización das terceiras xornadas de fotografía, na especialidade de iniciación e retoque, durante o fin de semana do 26 e 27 de abril.
Devanditas xornadas, cun número de prazas limitadas, serán impartidas polos fotógrafos verinenses Borys Martínez e Sergio Crespo, e nelas analizaranse cuestións como manexo dunha máquina fotográfica (distancia focal, apertura de diafragma, tempo e velocidade de exposición, sensor e sensibilidade, obxectivo, exposición, enfoque, profundidade de campo ou medición da luz, entre outros conceptos) e retoque fotográfico (retoque de imaxes mediante programas informáticos).
Durante o sábado 26, de 11 a 13 horas, na aula CeMIT do Concello de Verín (situada na Casa da Xuventude) terá lugar unha clase teórico-practica para as persoas que se inicien no mundo da fotografía, e profundar coas que xa teñen un nivel avanzado, e a partir das 16 horas, os/as participantes realizarán unha saída fotográfica ao Balneario de Cabreiroá e arredores. E xa o domingo 27, de 11 a 13 horas, impartirase unha clase de retoque fotográfico na aula CeMIT do Concello de Verín.
Para participar nesta iniciativa é necesario contar cunha cámara de fotos con controis manuais, así como inscribirse nos Servizos Sociais do Concello de Verín (Casa da Xuventude. Avenida de Portugal 11 bis, 988-414776), ou en Naturhouse, (R/ Doutor Pedro González, 988-413321). O abono de devandita formación gratuíta realízase a través da entrega de donativos solidarios (como alimentos non perecedoiros, material escolar, libros ou xoguetes, entre outros), que serán entregados por Servizos Sociais ás persoas que os necesiten.
|