O departamento de Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín informa, para coñecemento e difusión entre as familias do noso término municipal, que xa está aberto o prazo de solicitude da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o exercicio 2014 .
Esta axuda,consistente nun pago único de 360 euros, ven de ser convocada pola Xunta de Galicia como en anos anteriores, e vai dirixida, dentro da política integral de atención á familia, a aquelas persoas que teñan ó seu cargo fillos/as menores de tres anos na data de 01 de xaneiro de 2014 (é dicir, nacidos entre o 02-01-2011 e o 01-01-2014, inclusive), e que por razón dos ingresos económicos obtidos durante o ano 2012 nin elas, nin ningún membro da unidade familiar, estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), correspondente a este período, nin sequera de xeito voluntario. A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo/a menor de tres anos en contía de 360 euros. A documentación básica a aportar é a fotocopia do DNI do solicitante e cónxuxe, fotocopias do Libro de familia, certificado de empadroamento e nº de conta bancaria. O prazo de presentación remata o 26 de abril de 2014, e as solicitudes, en modelo oficial, serán tramitadas nas oficinas dos Servizos Sociais municipais, situadas na planta baixa da Casa da Xuventude, en horario de 9 a 13 horas. Este departamento municipal anima os pais e nais a que acudan a informarse destas axudas e doutras que lle podan afectar no eido da protección familiar, xa que logo moitas veces os dereitos non se exercen por descoñecemento ou falta de información.
|