O Concello de Verín asina un convenio con Eroski para a cesión de alimentos ao Banco de Roupa Municipal |
|
|
|
Xoves, 24 Outubro 2013 11:11 |
O Concello de Verín acaba de asinar un convenio co grupo Eroski para a cesión de alimentos ao Banco de Roupa Municipal, que serán repartidos de modo diario entre as familias que máis o necesiten deste municipio.
O Concello de Verín é sensible ante as especiais dificultades que atravesan moitas familias e persoas do municipio a hora de cubrir as necesidades básicas, ben sexa pola situación de desemprego, enfermidade ou outras. Co fin de paliar esta situación, o departamento de Servizos Sociais municipal atende desde fai anos esta demanda ordinaria, con prioridade cara as persoas que se atopan en situación de carencia e exclusión. Ata este momento, desde o Banco de Roupa de Verín ofrecíase aos/ás usuarios/as roupa, calzado, complementos infantís, xoguetes ou libros; ademais de facilitar alimentos en casos e campañas puntuais ás persoas máis necesitadas.
O grupo Eroski, coñecedor desta labor social desenvolvida polo Concello de Verín, decidiu sumarse a esta actuación e cederá, de modo desinteresado, alimentos de primeira necesidade que se repartirán entre as persoas máis necesitadas, de modo que sempre exista un excedente alimentario no Banco de Roupa Municipal. Neste lugar garantirase a correcta conservación dos produtos recibidos, en particular as relativas á temperatura de conservación, e tamén no referente as datas de caducidade.
Para ser beneficiario/a desta axuda alimentaria é imprescindible a valoración previa por parte do departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín. Estímase que sobre unhas cen familias e/ou persoas, de modo regular, poderían beneficiarse destas doazóns de alimentos, que serán entregadas pola voluntaria responsable do roupeiro, Rosa Rodríguez, no local situado na avenida Luis Espada nº 81 de Verín. |