Programa de voluntariado ambiental para a rexeneración do monte |
|
|
|
Xoves, 17 Outubro 2013 11:12 |
As consellerías de Traballo e Benestar e Medio Rural e do Mar poñen en marcha un programa pioneiro ambiental centrado na limpeza e na rexeneración dos montes, cuxa inscrición pode realizarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín (1º andar da Casa da Xuventude, Avda. de Portugal 11 bis).
O programa desenvolverase en quendas de 5 días dende o 21 de outubro ata final de ano, e está concibido como un campo de traballo, no que grupos de 10 persoas voluntarias xunto cun monitor realizarán diferentes actividades de rexeneración e preservación da masa forestal (a primeira semana as actividades realizaranse no Monte Pindo).
Os obxectivos do programa son: colaborar na rexeneración e preservación da masa forestal, reforzar a idea da necesidade de conservar os nosos recursos forestais, fomentar unha actitude de prevención de riscos nos nosos montes e promover mecanismos que incidan en actitudes de persuasión fronte ao descoido ou a irresponsabilidade no monte.
As actividades a realizar polos participantes no programa foron establecidas pola Secretaría xeral de Medio Rural e Montes e serán as seguintes: colaboración na restauración de áreas incendiadas, limpeza e desbroce de cortalumes e repoboación do monte. O programa inclúe: aloxamento e pensión completa, programa de actividades e monitores, seguro de accidentes e de responsabilidade civil (o desprazamento ata o punto de queda será por conta dos participantes).
Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade. As persoas voluntarias que desexen participar, deberán ter en conta que a indumentaria que leven ten que ser axeitada ás actividades a realizar. Ao finalizar a súa participación neste programa de voluntariado ambiental, as persoas voluntarias obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
|