O vindeiro martes 12 de xuño, o programa 'Preescolar na Casa', destinado a nenos/as con idades comprendidas entre 0 e 3 anos, clausurará esta última edición en Verín coa realización de actividades lúdicas e deportivas para os/as pequenos/as e os seus proxenitores.
Esta iniciativa terá lugar desde ás 17 horas na área recreativa de Tintores -se as condicións meteorolóxicas son adversas trasladarase ao complexo deportivo de A Granxa-, e na mesma participarán máis de 150 menores e outros tantos pais e nais, procedentes dos municipios de Verín, Riós, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Xinzo de Limia ou Allariz.
Entre as actividades previstas a realizar entre nenos/as e proxenitores están xogos de auga, contacontos, pintura de dedos, circuíto psicomotor, tirolina, medio rural ou paracaídas; ademais de participar efectivos do Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín e Guardia Civil. Tamén estará presente unha caseta de Unicef, xa que o Concello de Verín pertence á rede de Cidades Amigas da Infancia, creada para impulsar e promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno no ámbito das entidades locais, e que ten por obxecto apoiar a necesidade de creación de plans de infancia municipais, promover a participación cidadá de toda a infancia na vida pública municipal, impulsar todo tipo de políticas tendentes a favorecer o desenvolvementos dos dereitos dos menores e promover o traballo en rede.
O programa 'Preescolar na Casa', impulsado dende o departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, constitúe un referente na creación dunha cultura da infancia e do papel educativo da familia, asentada nos valores de compromiso coa educación, defensa e reivindicación da importancia educativa dos primeiros anos, respecto polo propio, solidariedade cos sectores de poboación máis desfavorecidos, cooperación con outros profesionais e organizacións relacionadas coa infancia e a familia; así como compromiso coa mellora continua e a competencia profesional.
A Fundación Preescolar na Casa é unha entidade sen ánimo de lucro, que opera en toda Galicia dende o ano 1977 con profesionais do ámbito educativo, ofrecendo espazos para que as familias compartan un tempo de calidade cos fillos e con outras familias, espazos nos que están acompañados dun profesional da Fundación que orienta e facilita información e formación sobre os diferentes aspectos relacionados coa educación dos/as fillos/as.
|