'Keko', mascota oficial de Kero-Kolo Imprimir
Martes, 14 Maio 2013 13:04

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e a concelleira de Benestar Social, Inmaculada Hervella, asistiron esta mañá a presentación oficial de 'Keko', mascota do programa Kero-Kolo, organizado ao longo deste curso escolar polo departamento de Educación Familiar do Concello de Verín.

A mascota 'Keko', conformada polas dúas primeiras letras de Kero-Kolo, foi deseñada por dúas nais dos/as menores que forman parte desta iniciativa educativa. Trátase dun canguro que busca simbolizar o vínculo materno, a través da unión entre neno/a e nai, e convértese na antesala á entrada o centro educativo nos próximos meses. Durante a actividade o rexedor municipal e a concelleira agasallaron aos/ás menores con libros de contos, participaron nas cancións infantís e recordaron a importancia desta iniciativa.

O programa 'Kero-Kolo' naceu co obxecto de converterse nun novo espazo de encontro entre pais/nais e unha vintena de nenos/as, de dous a tres anos de idade, onde conxuntamente familia e a persoa directora das sesións crean un espazo encamiñado a relacionarse entre eles, xa que a familia é o primeiro axente de socialización onde os/as nenos/as asentan as bases para unha sólida educación e convivencia con outros iguais. Por este motivo, neste programa teñen lugar unha serie de actividades de interacción e participación entre os/as menores e as familias nas que se desenvolven iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas por todos/as os/as participantes, é dicir, unha aula de convivencia que será unha antesala de entrada ao centro educativo e a compartir experiencias cotiás.