Viaxe a Pazolandia Imprimir
Venres, 17 Decembro 2010 13:02

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín programa, para o xoves 30 de decembro, unha viaxe a Pazolandia, o parque de atraccións infantil máis grande de Galicia, destinada a nenos/as do municipio con idades comprendidas entre os 7 e 12 anos.

Neste parque de atraccións os menores poderán divertirse en pistas de esquí artificiais, rocódromo, pistas de autos e motos especialmente deseñados para os nenos/as de distintas idades; obradoiros de chapas, pinturas e globos; karaoke infantil, videoxogos, e outras moitas actividades, que se distribuirán nunha área de 8000 metros cadrados, no Pazo dos Deportes ‘Paco Paz’ e terreos que o rodean.

O prezo que pagará cada inscrito/a será de 10 euros, que inclúe os gastos de desprazamento e entrada a Pazolandia, onde os/as participantes estarán dende a hora de apertura ata o peche da sesión matinal. A saída do autobús será ás 9.45 horas, diante da praza do Concello, e a chegada de regreso do autobús a Verín está prevista para ás 15 horas, diante da praza do Concello.

O prazo de inscrición para participar nesta actividade, que debe realizarse na Oficina de Información Xuvenil (Casa da Xuventude -Avda. de Portugal, 11-), iníciase o martes 21 e conclúe o martes 28 de decembro.