Abre o prazo de inscrición das prazas xuvenís dentro do programa campaña de verán 2017 Imprimir
Martes, 18 Abril 2017 09:21

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín abre o prazo de tramitación das solicitudes de inscrición dos/as mozos/as, de entre nove e dezasete anos, interesados/as en participar na campaña de Verán 2017, que promove nos meses de xullo e agosto (durante dez ou quince días) a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A través da oferta desta campaña ofrécese á mocidade a posibilidade de empregar o seu tempo de lecer en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actuacións que teñen lugar noutras comunidades autónomas de España.


As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:

  • Programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da/o moza/o.
  • Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
    Manutención en réxime de pensión completa.
  • Material necesario para a actividade.
  • Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, se é o caso.
  • Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
  • Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.

Os prezos, dependendo do lugar elixido e se está dentro ou fóra da comunidade galega, oscilan entre 100 e 300 euros. Os membros de familia que teñan o título de numerosa terán un desconto de 50 % , e para as persoas usuarias do carné xove o desconto é do 25 %. Devanditos descontos, en ningún caso, serán acumulables.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 2 de maio de 2017, e deben realizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín (OMIX), situada na Casa da Xuventude (Avenida de Portugal, 11 bis).  Tfno. 988414776.