Os 'Xogos Romanos' chegan á Ludoteca de Verín Imprimir
Xoves, 28 Agosto 2014 11:52

Na xornada de mañá 29 de agosto, o servizo da Ludoteca de Verán - Campamento Urbano do Concello de Verín e Cruz Vermella Monterrei promoven a actividade 'Xogos Romanos', destinada aos/ás menores participantes neste servizo, en concreto, aos que teñen idades comprendidas entre os 5 e 11 anos.


A mesma, que terá lugar na Praia Fluvial de Verín, estará guiada por voluntariado de Cruz Vermella e ten por obxecto coñecer xogos e costumes romanas de forma lúdica. Trátase da segunda actividade realizada con Cruz Vermella Monterrei nestas últimas semanas, mentres que nesta descubrirán as tradición da Antiga Roma, na anterior formaron parte dunha viaxe imaxinaria por Rusia, Mongolia e China da man do 'Tren Transiberiano'.

Por outra banda, o día 01 de setembro os/as nenos/as, de 7 a 11 anos e participantes na Ludoteca de Verán realizarán o 'Gran Xogo de Probas'. Esta actividade consiste na realización de probas nas rúas e prazas de Verín. Nas mesmas, os/as menores divididos en tres grupos deberán superar cada unha delas e sacar unha fotografía que confirme a súa consecución. E xa o día 03 de setembro, os/as nenos/as da ludoteca verinense  promoverán a campaña solidaria “Valeria, a túa loita é a nosa loita”, na que recadarán fondos destinados ao tratamento de rehabilitación neurolóxica de Valeria De Dios, unha pequena verinense de catro anos que padece unha ataxia cerebelosa non filiada. Devandita campaña realizouse nas xornadas de feira da localidade nos meses de xullo e agosto, e nesta sesión, que será a última, no stand situado na rúa Lisa poderán adquirirse manualidades como broches, pulseiras, pompóns ou lapiceiros elaborados polos/as propios/as menores.

Todas estas iniciativa son algunhas das realizadas no servizo da Ludoteca de Verán, destinado conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, xogos cooperativos e de convivencia en tolerancia e interculturais, animación á lectura e contacontos, piscina, piragüismo, rutas de sendeirismo, novas tecnoloxías ou cine infantil serán algunhas das actividades nas que poderán participar os cativos/as. Ademais, durante os meses de xullo e agosto programaronse iniciativas adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe, ambiente, deporte, alimentación, saúde ou persoas maiores; celebrarase a actividade “Xogo de San Fermín”, “Día de Galicia”, visita ao Parque de Bombeiros e as instalacións da Policía Local ou a Ludobatucada.