Xogos educativos, deportes e acampada nocturna para os menores da Ludoteca de Verín Imprimir
Venres, 16 Agosto 2013 13:24

Durante as vindeiras xornadas, os menores da Ludoteca de Verán do Concello de Verín (servizo de conciliación e coeducación “Convive en igualdade”) formarán parte de actividades deportivas, xogos educativos e unha sesión de acampada nocturna.

A primeira actividade, “Rastreo por Verín”, terá lugar o luns e na mesma os nenos/as, de 6 e 10 anos, percorrerán as rúas da localidade para superar 15 probas educativas, que realizarán por grupos, e que lles permitirá coñecer o patrimonio histórico e cultural. O martes e xoves, actividades lúdicas nas piscinas descubertas de A Granxa, e o mércores, xornada deportiva con clases de piragüismo para nenos/as de 6 a 10 anos na praia fluvial de Verín. Ese mesmo día, pero para os/as máis pequenos/as, de dous anos e medio a cinco, inchables. E xa o xoves 22 de agosto, nas instalacións da Ludoteca de Verán, a partir das 20 horas, terá lugar unha acampada nocturna para os/as menores. Unha velada na que se programarán actividades específicas para eles/as como contacontos, e na que os/as nenos/as deben levar un saco de durmir, roupa e produtos de aseo persoal.

Estas actividades son algunhas das que está a realizar, ao longo destes meses, o servizo da Ludoteca de Verán, co obxecto de conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores, con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos. Outras das actividades que se están a programar son obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, baile, xogos populares e tradicionais, animación á lectura e contacontos (na Biblioteca de Verín), piscina, novas tecnoloxías ou cine infantil, entre outras. Sen esquecer, iniciativas  adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe con Sogama (no mes de setembro), alimentación, saúde ou persoas maiores; así como a actividade “Ponlle as pilas ao teu Bocata” (tamén en setembro), Educamóbil (o vindeiro 23 de agosto) ou obradoiros coa Cruz Vermella.