A OMIX de Verín tramita as inscricións do campamento 'Ourensanía' Imprimir
Mércores, 26 Xuño 2013 13:05

Desde hoxe mércores, a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín iniciou a tramitación das inscricións do campamento 'Ourensanía', organizado pola Deputación de Ourense.

Este campamento de verán, que está destinado a menores entre 7 e 15 anos da provincia de Ourense, ten por obxecto conxugar actividades lúdicas con espazos de interacción entre iguais, a través da programación de veladas, obradoiros (monicreques, lousa, abalorios), fútbol chapas, centros de interese, excursión con xogos temáticos (Vilanova dos Infantes, Castromao e Celanova), xogos de axexo, xincanas ou xogos de piscina.  

O mesmo terá lugar nas seguintes quendas (50 rapaces e rapazas en cada unha delas): do 5 ao 10, do 12 ao 17, do 19 ao 24 e do 26 ao 31 (as catro durante o mes de agosto). E inclúe pensión completa no albergue municipal de Celanova, material de obradoiros e diversas actividades e saídas, actividades de aventura, tempo de lecer e montaña, equipo de monitores/as, seguro de responsabilidade civil e de accidentes.

O prezo é de 100 euros por menor participante. A inscrición tramítase desde a OMIX de Verín (Casa da Xuventude. Avda. de Portugal 11 bis). Unha vez que o/a participante se anote debe facer o posterior ingreso do custe do campamento no número de conta 0049 6143 80 2110003011 (indicando o nome do/a participante e quenda na que se inscribe).