Apertura do prazo de inscrición para a Campaña ‘Verán 2013' Imprimir
Martes, 02 Abril 2013 12:20

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín inicia o prazo de tramitación das solicitudes de inscrición dos/as mozos/as, entre nove e dezasete anos, interesados/as en participar na campaña “Verán 2013”, que promove nos meses de xullo e agosto, durante dez ou quince días, a Dirección Xeral de Xuventude.


A través da oferta desta campaña ofrécese á mocidade a posibilidade de empregar o seu tempo de lecer en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actuacións que teñen lugar noutras comunidades autónomas de España.

As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
- Programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da/o moza/o.
- Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
- Manutención en réxime de pensión completa.
- O material necesario para a actividade.
- Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, se é o caso.
- Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
- Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.

Os prezos oscilan entre 113 e 232 € dependendo do lugar elixido e se está dentro ou fóra da comunidade galega. Os membros de familia que teñan o título de numerosa terán un desconto de 50 % , e as persoas usuarias do carné xove o desconto e do 25 %. Ditos descontos en ningún caso serán acumulables. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 17 de abril de 2013, e deben realizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín (OMIX), situada na Casa da Xuventude (Avenida de Portugal, 11 bis).