Xogo de San Fermín na Ludoteca de Verín Imprimir
Venres, 06 Xullo 2012 12:38

O vindeiro luns 9 de xullo, a Ludoteca Municipal do Concello de Verín organiza, coincidindo coa festividade en honra a San Fermín, unha xornada de xogos para o centenar de nenos/as integrantes deste servizo de conciliación.

Durante o Xogo de San Fermín, as monitoras do servizo non só lles explicarán aos/ás menores a historia desta festa senón que programarán unha representación teatral que amose o tradicional “chupinazo”. Ademais no mesmo, no que os/as nenos/as teñen que ir vestidos de branco e cunha pañoleta vermella, terá lugar a realización de sete probas lúdico-educativas relacionadas con San Fermín e un “encerro”.

Esta iniciativa é unha das realizadas no servizo da Ludoteca Municipal durante estes meses, como a recente campaña 'Ponlle as pilas ao teu bocata' ou o desfile da Ludobatucada, destinado conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores, con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos. Obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, xogos cooperativos e de convivencia en tolerancia e interculturais, animación á lectura e contacontos, piscina, novas tecnoloxías ou cine infantil son algunhas das actividades nas que poden participar os cativos/as inscritos na Ludoteca de Verán. Ademais, durante os meses de xullo e agosto programaranse iniciativas adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe, ambiente, deporte, alimentación, saúde ou persoas maiores.