A campaña ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ en Verín Imprimir
Xoves, 28 Xuño 2012 12:53

Un centenar de nenos/as da Ludoteca Municipal participarán o martes 03 de xullo, de 11 a 13.30 horas, na campaña ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’, organizada pola Xunta de Galicia, e á que o Concello de Verín adheriuse co obxecto de fomentar os hábitos saudables.


Os/As cativos/as, con idades comprendidas entre os 5 e 9 anos, formarán parte dunha gymkana de obstáculos con forma de circuíto, que de modo simbólico reflicte a pesca, procesamento do produto, conservación do medio ambiental e clasificación dos peixes e mariscos. Por outra banda, tamén recibirán unha explicación participativa sobre o consumo do peixe, moluscos, crustáceos e mariscos; beneficios das conservas e enerxías que aportan, fomentando as merendas saudables. Ademais participarán nun xogo colectivo no que elaborarán diversas receitas con conservas e, finalmente, degustarán os bocadillos que eles mesmo preparen.  Ao finalizar estas actividades cada neno/a levará como agasallo unha gorra e un folleto informativo.

A campaña ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ pretende fomentar os beneficios das conservas de peixes e mariscos entre os/as menores participantes, a través de xogos lúdico-educativos, preparación dos seus propios bocadillos con conservas e explicación da procedencia dos produtos do mar e a súa clasificación, así como as posibilidades que ofrecen no ámbito alimenticio.