Subvencións de Servizos Sociais Imprimir
Martes, 30 Xuño 2009 11:26
Desde o departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín infórmase da publicación das seguintes axudas:

- Orde pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia a través do cheque infantil en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e regulación do proceso de concesión de axudas económicas para a atención de nenos/as de 0 a 3 anos, en escolas infantís 0-3 non sostidas, con fondos públicos mediante o programa do cheque infantil. Establecese o custo máximo da praza segundo o horario e servizos nas seguintes contías:
- Praza ofertada durante 8 horas diarias: 130 €/mes.
- Praza ofertada durante 8 horas diarias con servizo de comedor: 215 €/mes.
- Praza ofertada en horario de tarde: 90 €/mes. Enténdese prazas con horario a partir das 15.00 horas durante catro horas.

No custo máximo da praza exclúese o prezo de transporte, actividades extraescolares, material escolar, horas complementarias, matrículas e outros análogos, que deberán ser aboadas, cando proceda, pola persoa usuaria.

Respecto ás persoas beneficiarias teñen preferencia aquelas que tiveran recoñecida a axuda no curso anterior -sempre que cumpra os requisitos para ser beneficiaria e solicitara a reserva de praza-, e
no caso de novas solicitudes de praza deben axustarse ao seguinte: persoas con nenos/as a cargo de 0 a 3 anos solicitantes de praza nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, persoas con nenos/as de 0 a 3 anos a cargo residentes en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidos con fondos públicos -e desexen obter praza, nalgún centro partícipe do programa, nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor- e solicitantes de praza en horario de tarde.

Os requisitos das persoas beneficiarias deben ser os seguintes:

- Ter un/unha neno/a o a cargo nacido/a con posterioridade a 31 de decembro de 2006 (no caso de nenos/as de integración poderá eximirse do cumprimento deste requisito).
- Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.
- Que a renda per cápita mensual da unidade familiar non supere 1.000 euros.

Ademais, os solicitantes de nova adxudicación deberán acreditar:

- Ter cumpridos o/a neno/a 3 meses na data de ingreso.
- Que existan prazas nos centros partícipes do programa para o grupo de idade solicitado no concello de residencia do beneficiario, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais ou titores legais.
- Non obter praza nunha escola infantil 0-3 sostida con fondos públicos, quedando en lista de agarda.

A documentación que deben presentar son:

- Reserva de praza: As persoas beneficiarias que no curso 2008/2009 obtiveran axuda do programa cheque infantil en continúen interesados na praza adxudicada no ano anterior, ou noutra do mesmo centro, presentaran unha solicitude así como documentación xustificativa dos ingresos familiares.
- Nova solicitude de praza: documentación complementaria, fotocopia cotexada do libro de familia ou, no seu defecto, documento que acredite oficialmente a situación familiar; fotocopia cotexada do DNI da persoa solicitante e, se é o caso, do representante legal, declaración xurada de non percibir axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outras administracións públicas, xustificación de ingresos, informe social no que conste a cantidade estimada de ingresos anuais de que dispón a unidade familiar, no caso de nenos/as de integración deberán presentar informe do equipo de valoración e orientación e certificado de discapacidade. No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero debe acreditarse mediante certificación da orde de protección ou da medida cautelar, sentenza de calquera orde xurisdicional, certificación de servizos sociais, informe do Ministerio Fiscal, informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou calquera outra forma establecida regulamentariamente.

En Verín, o centro partícipe no programa Cheque Infantil é O Castro (Cm. Da Glorieta, 16) que conta cun total de 28 prazas, e a data final de presentación conclúe o 27 de xullo de 2009.


- Plan de apoio a colectivos en risco de exclusión, para facilitar a todas estas persoas a súa integración na nova plataforma da Televisión Dixital Terrestre.


Para poder beneficiarse desta axuda, os solicitantes deben cumprir os seguintes requisitos: residir nun municipio afectado directamente polos apagados de Fase I, pertenecer a un dos colectivos en risco de exclusión (ter un grao de discapacidade agregada do 33% ou máis -constando entre as discapacidades algunha de tipo auditivo ou visual-, ter 65 anos ou máis e un nivel II ou III de dependencia, e persoas maiores de 80 anos que vivan soas ou en compañía doutra persoa maior de 80 anos), non ser beneficiario de ningún Plan de Apoio e non dispor actualmente de sintonizador TDT no seu domicilio. Os interesados achegar a seguinte documentación: orixinal do DNI da persoa do concello que recollerá o decodificador e cuxa identidade deberá constar na solicitude, fotocopia compulsada do DNI do beneficiario, documento acreditativo do domicilio nalgunha das localidades da Fase I e fotocopia compulsada de documentación acreditativa do grao de discapacidade ou nivel de dependencia do beneficiario.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Servizos Sociais, situada na Casa da Xuventude (Avda. de Portugal, 11Bis).